Condenan o ex alcalde de Muras (PP) a nove anos e medio de inhabilitación por un delito de prevaricación

O ex alcalde do PP de Muras, Isaam Algnam Azzam, nos xulgados de Lugo. (Foto: Europa Press)
Isaam Algnam Azzam subscribiu decenas de contratos laborais temporais entre 2012 e 2015 sen seguir os procedementos regrados para seleccionar ao persoal.

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou o ex alcalde de Muras Isaam Algnam Azzam (PP) a nove anos e medio de inhabilitación “para todo cargo público con facultades de contratación” por un delito continuado de prevaricación.

Tal e como recollía o escrito de acusación pública, o ex alcalde subscribiu decenas de contratos laborais temporais entre 2012 e 2015 sen seguir os procedementos regrados para seleccionar ao persoal.

Na sentenza, á que tivo acceso Nós Diario, o tribunal considera probada a “ausencia total de calquera procedemento de selección e por tanto do respecto aos principios xerais de igualdade, mérito e capacidade, mediante convocatoria pública”.

O auto tamén acorda impor ao antigo rexedor popular a obriga de indemnizar o Concello de Muras “na cantidade que en fase de execución acredite ter satisfeito por despedimento a Mª Teresa Uceira Cao, co límite da cantidade de 13.497,16 euros”, aos que se lle suman os xuros da Lei de axuizamento civil e os custos procesais.

Non atendeu as advertencias

A sentenza tamén deixa patente que o condenado levou a cabo as actuacións irregulares a pesar das “advertencias da Secretaria-Interventora” do Concello de Muras, realizadas “verbalmente e por escrito -até en 3 ocasións-.

No xuízo, ademais do ex alcalde de Muras, tamén declararon o actual rexedor, Manuel Requeixo (BNG) -concelleiro na época na que tivo lugar o delito de prevaricación continuada-, administrativos municipais provinciais e antigos traballadores do Concello.

Porén, a Audiencia asegura que a declaración “absolutamente esencial” para dirimir a culpabilidade de Algnam Azzam foi a de Sofía Sanmartín Novoa, a secretaria e interventora que notificou en reiteradas ocasións que a subscrición de contratos que estaba a levar a cabo o rexedor non tiñan ningún fundamento legal.

Na súa comparecencia, Sanmartín detallou as diferentes irregularidades cometidas ao longo dos anos polo alcalde, tanto no proceso de convocatoria das ofertas emprego, que na maioría dos casos non se chegaban a anunciar, a pesar de estar recollido por lei; como no propio proceso de selección do persoal, que o dirixinte do PP de Muras desenvolvía tanto no seu despacho como fóra das dependencias municipais.

A ex secretaria chegou a sinalar que, se ben non lembraba que ningunha das persoas contratadas desa maneira “ía nas listas” do PP de Muras, “seguro que eran coñecidos” de Isaam Algnam Azzam.