Condenan o Sergas a indemnizar a familia dunha muller falecida por pancreatite no hospital de Pontevedra

Sede do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza nunha foto de arquivo. (Foto: Europa Press)

O TSXG entende o dano moral causado á familia da paciente falecida como concepto  indemnizábel no caso.

A sección primeira da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) confirmou a condena ao Sergas a indemnizar con 48.000 euros a familia dunha muller falecida por pancreatite aguda tras ser asistida no hospital de Pontevedra.

O Alto Tribunal galego desestimou o recurso de apelación interposto polo Sergas e confirmou a sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra. Segundo detallaron fontes do TSXG, o Sergas foi sentenciado a abonar 30.000 ao viúvo e 6.000 euros a cada un dos tres fillos da paciente.

Na resolución, os maxistrados indicaron que o Sergas estaba desconforme coa indemnización fixada pola xuíza de primeira instancia. "Sen que se discuta por ningunha das partes a existencia dunha perda de oportunidade, no sentido recollido na resolución administrativa recorrida, que determinou que a Administración recoñecese aos prexudicados reclamantes unha indemnización global de 30.000 euros —en atención á gravidade da patoloxía e a outros datos de risco sistémico que presentaba a paciente—, e que na sentenza apelada se incrementase até 48.000 euros", recolleu a sentenza.

A Sala recalou na sentenza que, tras analizar as probas periciais practicadas, conclúe que ante como se desenvolveu o proceso que terminou co falecemento da paciente, cabe considerar unha porcentaxe menor de probabilidade de falecemento que o que inicialmente defendeu nun informe escrito un perito, que é no que se basea a Administración.

Todo iso, cando mesmo o documento do xefe do Servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva Hospital de Pontevedra expuxo a mortalidade dos pacientes en casos como o da falecida en arredor do 50 %.

Neste sentido, entendeu que a contía indemnizadora fixada en primeira instancia é "acorde ás cantidades que se acostuman recoñecer nestes casos, atendendo ao grao de probabilidade de que a actuación médica omitida puidese producir un resultado beneficioso e o alcance ou entidade do mesmo".

O TSXG explicou que o Tribunal Supremo sinala que, no caso da perda de oportunidade "o dano que se indemniza non é o material correspondente ao feito acaecido, senón a incerteza ao redor da secuencia que tomasen os feitos de seguirse no funcionamento do servizo outros parámetros de actuación.

É dicir, a posibilidade de que as circunstancias concorrentes "acaeceran doutra maneira. Por tanto, ha de valorarse a perda dunha alternativa de tratamento, o cal se asemella en certo xeito ao dano moral, que é o concepto indemnizable", apuntou a Sala.