'Comunicar en saúde': médicas internistas fan unha guía on-line para mellorar os autocoidados

O control do nivel de glucosa en sangue é un hábito entre as persoas con diabetes. (Foto: Nós Diario).
A educación en saúde contribuíu nos últimos anos a unha mellor calidade de vida das persoas. Pero acceder a información útil e rigorosa sobre as enfermidades máis comúns non sempre é doado nin rápido. Especialistas da Sociedade Galega de Medicina Interna veñen de participar nunha iniciativa da sociedade científica que busca resolver as dúbidas esenciais das pacientes sobre as súas doenzas. 

Comunicar en saúde é o título do libro que vén de editar a Sociedade Española de Medicina Interna grazas á participación e ao coñecemento experto de medio cento de especialistas, entre eles varios galegos que desenvolven o seu traballo en hospitais da Galiza.

"As persoas doentes xa non quedan só co que lles di os eu médico ou médica de cabeceira, senón que investigan e tiran de internet para resolver as súas dúbidas", onde non sempre todas as fontes son fiábeis. "O que buscamos desde unha sociedade científica como a de Medicina Interna é aumentar o coñecemento que a poboación ten sobre as enfermidades que lle afectan, de forma sinxela, nunha linguaxe accesíbel e desde o rigor científico".

A internista Cristina Macía é coautora do capítulo 31 –Hepatite e cirrose hepática– dun manual enfocado ao paciente, moi visual e de fácil lectura. "Quere ser unha primeira fonte de consulta para que cadaquén saiba en que consiste a súa enfermidade, en que ten que pensar e cando acudir ao médico".

50 patoloxías comúns

A especialidade de Medicina Interna atinxe moitas patoloxías médicas. "Despois da Covid atendemos sobre todo enfermos crónicos, con varias doenzas, e tamén poboación maior que precisa medicación específica para distintas patoloxías, que non poden centrarse só nunha enfermidade senón en todas á vez e no conxunto dos seus tratamentos. Pero ademais disto tamén nos dedicamos ás doenzas hepáticas, infecciosas e autoinmunes".

O traballo guía o paciente no recoñecemento da súa doenza, dos síntomas máis comúns e dos signos de alarma que urxen unha intervención médica

Esta amplitude reflíctese no índice do libro que recolle algunhas das doenzas máis prevalentes entre a poboación: ansiedade, meninxite, hipertensión, infarto de miocardio, gripe, diabetes, convulsións, herpes zóster, hemorraxia dixestiva, ictus, obesidade, hemorroides, vertixe, hipotiroidismo...

O listado de patoloxías alcanza os 50 nomes, entre os que figuran realidades inevitábeis co paso dos anos. O envellecemento, a pluripatoloxía, o final da vida e os coidados paliativos contan, tamén, con cadansúa páxina. Ao igual que a bioética ou a telemedicina.

O ictus, unha doenza que na Galiza afecta cada ano a máis de 7.000 persoas e que require sempre un tratamento médico urxente abre un manual que se pode consultar en liña, descargar "e mesmo imprimir por capítulos de acordo co interese e doenza de cada persoa", un traballo que guía o paciente no recoñecemento da súa doenza, dos síntomas máis comúns e dos signos de alarma que urxen unha intervención médica.

Hepatite

"Cando falamos de hepatite non podemos pensar nunha única enfermidade senón nun conxunto de doenzas. A hepatite é a inflamación do fígado, que atende a múltiples causas". A hepatite vírica é a máis común "pero o consumo abusivo de alcol é talvez a causa máis prevalente na nosa contorna" a diferenza do que xa se observa nos EUA, onde a obesidade e a diabetes aceleran a esteatohepatite non alcólica, advirte Macía.

 

Evitar o consumo de alcol, manter unha dieta equilibrada, un control estrito da diabetes e do colesterol, a vacinación correcta contra a hepatite B e o uso de preservativo están entre as medidas de prevención contra a hepatite e a cirrose do fígado que fechan os '10 puntos claves' cos que Comunicar en saúde clausura este capítulo concreto e cada un dos escollidos.