A conexión Covid-19 entre Ourense e Benidorm

Unha sanitaria realiza unha proba do virus. (Foto: Europa Press)
Dúas excursións á costa levantina nas que participaron veciñas e veciños da área sanitaria ourensá poden estar detrás do incremento de contaxios do coronavirus detectado nos últimos días. Así o confirmou a Consellaría de Sanidade, que continúa investigando a relación das viaxes privadas en grupo coa repunta de infeccións.

Malia ser dúas localidades ben distintas, Benidorm e Ourense poderían estar conectadas a través da arriscada ruta da Covid-19 desde o levante cara o interior galego.

Ese fío vén de ser tecido pola Consellaría de Sanidade no marco dunha investigación para aclarar o motivo polo que decorreu un incremento dos casos de coronavirus na área sanitaria ourensá nos últimos días.

O departamento que dirixe Julio García Comesaña explicou que malia que as viaxes do Imserso aínda non deron comezo, si están tendo lugar excursións colectivas organizadas por entidades privadas.

Así, estima que polo menos houbo dúas rutas de vacacións a Benidorm nas que participaron persoas maiores de 65 anos.

Polo tanto, algunhas destas turistas galegas están a dar positivo polo coronavirus se ben, a Xunta asegura que a orixe dos surtos "está fóra" da Galiza.

O Carballiño, Cea e Barbadás

En concreto, un dos surtos derivados desas viaxes localízase na área de O Carballiño e Cea, pois alí contabilizáronse 20 positivos entre algunhas excursionistas e os seus contactos máis estreitos.

O segundo traxecto programouse desde o municipio de Barbadás, onde polo de agora xa se deu o aviso da existencia de 10 persoas infectadas. No entanto, continúan os cribados e as autoridades sanitarias non descartan que aumente o número de contaxiadas nas próximas horas.

Entre as dúas excursións viaxaran un total de 70 persoas que regresaron a finais do mes de outubro. A trintena de casos con esta orixe súmase á situación da área sanitaria de Ourense onde se rexistran 126 casos activos, 11 máis que na xornada anterior. Ademais conta cun ingreso na Unidade de Coidados Intensivos (UCI).