A Confederación Hidrográfica Miño-Sil abre expediente polas verteduras contaminantes procedentes da cidade deportiva do Celta

Concentración diante da sede do Celta o pasado mes de xuño contra os vertidos contaminantes da cidade deportiva Afouteza. (Foto: Nós Diario).
A apertura do expediente sancionador contra Real Club Celta de Vigo vén motivado polo vertido directo de augas residuais no monte comunal de Pereiras en Mos

As denuncias presentadas por Ecoloxistas en Acción ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil deron resultado, informa a entidade ecoloxista nun comunicado. Este organismo vén de anunciar a apertura dun expediente sancionador contra Real Club Celta de Vigo por "vertido directo, sen autorización administrativa previa do organismo de conca, de augas residuais procedentes das instalacións de depuración que recolle as augas pluviais e de escorredura das instalacións de depuración do Real Club Celta de Vigo ao leito dun regato o día 22/05/2024, no lugar de Pereiras", no concello de Mos (Comarca de Vigo).

A denuncia presentada ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil levaba aparellada, como proba da contaminación, os resultados da analítica do vertido encargada por Ecoloxistas en Acción que reflicten unha altísima concentración de fecais e tamén a presenza de varios compostos químicos asociados aos pesticidas e fertilizantes orgánicos habitualmente utilizados no coidado e mantemento dos campos de fútbol.

Delito contra o medio ambiente

A organización ecoloxista tamén presentou denuncia ante a xustiza e o xulgado de instrución número 2 de Vigo xa notificou a Ecoloxistas en Acción a apertura de dilixencias previas para investigar o vertido contaminante procedente da Afouteza, a cidade deportiva do Celta en Mos, xa que aprecia posíbel delito contra os recursos naturais e o ambiente.

Para a organización ecoloxista queda claro que o Concello de Mos recoñece xa que a tubaxe procedente das instalacións do Celta é un emisario do aliviadeiro dunha cuba de recollida de pluviais e augas residuais dos regos. Esta auga recollida arrastra materia fecal dos abonos orgánicos e compostos químicos dos praguicidas utilizados no mantemento dos campos de fútbol. Cando a cuba se enche, esta reborda e descarga a través da canalización que verte no monte. "Isto demostra que o vertido non é inocuo, xa que conten augas residuais contaminantes ", afirma a entidade ecoloxista.

"Para Ecoloxistas en Acción o vertido contaminante procedente da Afouteza é claramente un delito contra os recursos naturais o ambiente, pero tamén un delito contra a saúde pública", engade, xa que a poucos metros do vertido, ladeira abaixo, atópanse varios mananciais das traídas de auga que corren un grave risco de contaminarse.

"A infiltración nos mananciais de produtos contaminantes pode afectar as familias usuarias e terse que clausurar as captacións de auga deixando a miles de fogares sen auga de boca", sinala Xaquín Pastoriza, coordinador do grupo local de Ecoloxistas en Acción, quen ademais lembra que "no caso de Mos, o concello carece dun servizo municipal de subministración de auga ás casas co que suplir a clausura das captacións veciñais".