A Xunta dá a entender que os incendios son intencionados

Columnas de fume por cima dunha vivenda

Primeira reacción da Xunta perante a vaga de lumes que atinxe o país e que mesmo cerca Vigo. Estes incendios non serían "froito da casualidade", afirma a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez.

A existencia de catro focos destinados a unirense nun grande incendio leva a conselleira de Medio Rural, destacada no posto avanzado de mando de Pazos de Borbén, a concluír que estaríamos perante lumes provocados pola man do home.

 

"Isto non é porque si. Primeiro foron os parques naturais e agora foi Pontevedra, pero en catro focos moi importantes que abranxen catro concellos", dixo Vázquez, para quen "tal e como estaban postos os catro (focos) era para unirense", engadiu a conselleira.

 

Na súa conta twitter, Feijóo tamén puxo no seu albo "os incendiarios" nun chío co que se solidarizaba coas equipas que traballan na extinción dos lumes.