A USC ratifica o manifesto sobre o xenocidio en Gaza e comprométese a romper relacións con universidades israelís

Un grupo de estudantes irrompeu no Colexio de San Xerome mentres decorría no seu interior a reunión do equipo de goberno. (Foto: Europa Press)
Tras a aprobación deste punto, o Consello de Goberno viu interrompida a súa sesión logo da irrupción "de forma violenta", censurou a universidade, accedendo a través dunha fiestra da planta baixa do Colexio de San Xerome un grupo de aproximadamente unha vintena de persoas.

O Consello de Goberno da USC acordou, reunido esta segunda feira, apoiar o manifesto do equipo de goberno en relación á situación en territorio palestino e reafirma así a postura da USC, recollida na declaración institucional aprobada polo Claustro a finais do pasado ano 2023. O Consello adoptou esta decisión co consenso dos distintos colectivos universitarios que o compoñen e logo de escoitar distintas propostas, entre elas a da Asemblea por Palestina.

Por práctica unanimidade, o órgano colexiado decidiu tamén constituír esta mesma terza unha comisión de traballo para o desenvolvemento das accións contempladas na postura institucional da USC en relación a este tema e recollidas no mencionado manifesto. Neste senso, a USC insta o Estado de Israel a deter o xenocidio practicado contra o pobo palestino e declarar un alto o fogo inmediato e permanente, ademais de denunciar a destrución das universidades e institucións educativas palestinas na Faixa de Gaza e os ataques de calquera tipo contra as comunidades universitarias.

Na mesma liña, comprométese a intensificar as relacións de colaboración coas universidades palestinas, a non manter ningún tipo de relación científica ou académica nin tampouco económica con universidades e institucións israelís que non asuman explicitamente os compromisos acordados na USC.

Protestas da Asemblea por Palestina

Tras a aprobación deste punto, o Consello de Goberno viu interrompida a súa sesión logo da irrupción "de forma violenta", censurou a universidade, accedendo a través dunha fiestra da planta baixa do Colexio de San Xerome un grupo de aproximadamente unha vintena de persoas. Esta irrupción impediu a finalización do Consello de Goberno, órgano democrático do goberno universitario, así como o normal desenvolvemento das actividades propias da Reitoría compostelá. O persoal do edificio puido abandonar o edificio sen incidencias, así como os integrantes do Consello de Goberno. O edificio foi ocupado de forma parcial por este mesmo grupo.

Os participantes da acampada de protesta contra a guerra en Gaza accederon ao edificio após romperen unha fiestra e instalaron un cadeado na porta principal do Colexio de San Xerome, segundo apuntaron fontes da universidade citadas pola axencia Europa Press. Unha vez dentro do edificio, un grupo protagonizou unha sentada para bloquear o paso nun dos accesos laterais do inmoble, mentres outros proclamaron consignas contra o papel da USC no conflito desde unha das fiestras que dan á Praza do Obradoiro, onde se atopan dúas furgonetas da Policía Nacional.

"Israel asasina, USC patrocina", "desde o río até o mar, Palestina vencerá" ou "reitor sionista, hipócrita e racista" son algunhas das consignas que lanzan os encerrados no reitorado, aos que se sumaron outra decena de persoas desde o exterior do inmóbel. En declaracións a Europa Press, os participantes na protesta manifestaron a súa vontade de continuar co seu feche na Facultade de Historia até que a USC asuma as medidas propostas nun documento trasladado a pasada semana á directiva da institución académica.