En que consistirá o "hospital único" que quere Feixoo para Galiza?

Unha infraestrutura sanitaria da Galiza. (Foto: CIG)
Exixen ao presidente da Xunta que explique o que suporá esta denominación. Hai temor a que o investimento vaia parar á sanidade privada e non implique un reforzo da pública apoiándose nese anuncio tan aberto. Aliás, demandan equidade para toda a poboación con independencia de onde resida.

Após a presentación por parte do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, dun plan para pór control sobre o problema das longas listas de agarda na sanidade esta mesma quinta feira, xurde a dúbida de que é o modelo de “hospital único” do que falou na súa intervención.

Con máis de 230.000 persoas agardando a ser atendidas, CIG-Saúde pon en dúbida o que esconde o feito de que esas pacientes vaian ser “derivadas a calquera centro hospitalario” do país se non teñen atención nun tempo razoábel no seu centro de referencia.

Así solicita saber como se van partillar os 15 millóns de euros de orzamento que ten este plan, pois non é o mesmo que a xestión das citas nas especialidades sexa na rede de infraestruturas públicas que que inclúa aquelas de titularidade privada.

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, fai fincapé en que é básico saber se o diñeiro irá “dirixido a recuperar e reforzar a sanidade pública ou se se destinará a beneficiar a sanidade privada”.

Así o sinala porque, segundo destaca, “coa Lei de Garantías o PP equiparou a prestación sanitaria no sistema público e no privado” e que coa Lei de Saúde “desapareceron prestacións” nos hospitais comarcais e áreas sanitarias.

Tamén lembra que a Valedora do Pobo rexeitou con anterioridade que se penalice a pacientes que non queren ser atendidos en instalacións privadas ou lonxe da súa casa. Por iso, quere “saber se Feixoo vai respectar esta opinión”.

Desde o seu punto de vista, esas modificacións na estrutura prexudicaron ás zonas máis illadas, rachando co acceso universal á sanidade.

En consecuencia, tamén interroga ao Executivo galego sobre os recursos humanos e os medios que se van a dispoñer para “garantir a equidade da poboación independentemente de onde viva”.