O Constitucional non admite o recurso do Estado contra a prórroga a Ence en Pontevedra

O complexo industrial de Ence, en Lourizán, na Ría de Pontevedra. (Foto: Europa Press)

A pasteira informou á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) da non admisión.

O Tribunal Constitucional ditou providencia acordando a non admisión do recurso de amparo presentado pola Administracion Xeral do Estado en relación coa sentenza do Tribunal Supremo no recurso de casación, pola que se confirmaba a legalidade da prórroga até 2073 da concesión de dominio público marítimo terrestre na que se asenta a fábrica de Ence en Pontevedra, segundo informou a compañía á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

Desta maneira, o Constitucional ratifica a resolución do Supremo do ano pasado, que declarou "sen valor nin efecto algún" a nulidade da prórroga da concesión que ditaminou no seu día a Audiencia Nacional.

Nun comunicado, Ence afirma que, a falta de coñecer a decisión deste Tribunal sobre o outro recurso de amparo presentado contra esta sentenza por parte do Concello de Pontevedra, esta resolución do Tribunal Constitucional "despexa as dúbidas sobre o futuro de Ence Pontevedra, a cuxa actividade están vinculadas preto de 5.100 familias, e dota de seguridade xurídica plena á actividade e permanencia desta biofábrica en Pontevedra".

A decisión do Supremo de 2023 desestimou o recurso contencioso administrativo interposto contra a prórroga da concesión e confirmaba que a resolución pola que se concedeu dita prórroga axustábase ao ordenamento xurídico.

Con todo, o Goberno local de Pontevedra presentou en setembro ante o Tribunal Constitucional un recurso de amparo por "vulneración da tutela xudicial efectiva con indefensión do Concello" tras o fallo do Tribunal Supremo -que rexeitou as apelacións do Concello e da Avogacía do Estado- contra a prórroga de Ence na ría.

Despois de que fose desestimado un incidente de nulidade presentado polos servizos xurídicos do consistorio en colaboración co equipo de traballo contratado para a ocasión co gabinete CSS Avogados encabezado polo ex ministro socialista Francisco Caamaño, o Goberno local elevou tamén as súas reclamacións ao Tribunal Constitucional.

Concello de Pontevedra: "Seguimos adiante co noso recurso"

A alcaldesa en funcións de Pontevedra, Eva Vilaverde, sinala que o Concello non recibiu ningún tipo de novidade ao respecto do seu procedemento e que a inadmisión por parte do Tribunal Constitución do recurso de amparo presentado pola Avogacía do Estado "non muda absolutamente nada para nós".

Após a inadmisión polo Tribunal Constitucional a trámite do recurso de amparo presentado pola Avogacía do Estado en contra da sentenza ditada polo Tribunal Supremo en febreiro do 2023 que lle permite a Ence continuar na ría de Pontevedra até o ano 2073, o Concello de Pontevedra lembra que aínda está en marcha o recurso de seu e que "non mudou absolutamente nada para nós", segundo as palabras de Eva Vilaverde.

A edil pontevedresa lembra que o recurso iniciado polo Concello de Pontevedra segue aínda o seu curso "e non temos ningún tipo de novidade ao respecto". "Seguimos adiante co noso recurso e seguiremos loitando para conseguir sacar a Ence da ría de Pontevedra por todos os medios que este Concello ten a súa disposición".