Ciencia e investigación

O consumo de café, un hábito hereditario?

Máquina de café. (Foto: Nós Diario)
Un grupo de investigadores e investigadoras internacionais trata de descubrir se o consumo de café é un hábito hereditario e conleva unha certa cantidade de carga xenética.

O café é unha das bebidas máis consumidas a nivel mundial na actualidade. Son variadas as investigacións sobre o consumo de café, así como sobre os beneficios dunha inxesta moderada para a saúde. O café ten poderes antioxidantes, entre outros aspectos, grazas aos ácidos cloroxénicos e outros compostos fenólicos.

Tamén pode ser unha fonte de hidratación saudábel porque contén nutrientes e fitocéuticos, así como outros compostos que traballan na modulación da microbiota intestinal e que poden favorecer, por exemplo, a regulación do colesterol. Ademais, as propiedades antidiabéticas da bebida asócianse aos ácidos cloroxénicos e poden aumentar a lonxevidade.

Agora un grupo de investigadores e investigadoras internacionais trata de descubrir se o consumo de café é un hábito hereditario e conleva unha certa cantidade de carga xenética. "Utilizamos estes datos para identificar rexións do xenoma asociadas con se alguén ten máis ou menos probabilidades de consumir café. E logo identificar os xenes e a bioloxía que poderían subxacer ao consumo de café", sinala Hayley H.A. Thorpe, da Universidade Western de Ontario (Canadá) e autora principal do artigo, públicado na revista Neuropsychopharmacology.

O traballo realizado polo Departamento de Anatomía e Bioloxía Celular da Facultade de Medicina e Odontoloxía Schulich da Universidade Western e mais o Departamento de Psiquiatría da Facultade de Medicina de San Diego da Universidade de California (Estados Unidos) comparou as características do consumo de café dunha base de datos 23andMe, cun conxunto aínda maior de rexistros no Reino Unido. Thorpe explica que o equipo recompilou datos xenéticos, así como cifras de consumo de café autoinformadas, para elaborar un estudo de asociación de todo o xenoma (GWAS). A idea era estabelecer conexións entre os xenes que se sabía que estaban asociados co consumo de café e os trazos ou condicións relacionados coa saúde.

"Tiñamos boas razóns para sospeitar, a partir de artigos anteriores, que había xenes que inflúen na cantidade de café que unha persoa consome", dixo. "Por iso, non nos sorprendeu descubrir que en ambas as cohortes que examinamos había evidencia estatística de que se trata dun trazo hereditario. Noutras palabras, as variantes xenéticas particulares que herdas dos teus pais inflúen na cantidade de café que probabelmente consumas", engade Abraham Palmer, tamén investigador principal do artigo e profesor de Psiquiatría no campus da UC en San Diego.

A influencia xenética no consumo de café era a primeira de dúas preguntas que o persoal investigador quería abordar. "A segunda é algo que os amantes do café están moi interesados en aprender. Beber café é bo ou malo? Está asociado con resultados de saúde positivos ou non?", afirma Sandra Sánchez-Roige, profesora asociada do mesmo departamento que Palmer.

Mais a resposta non é definitiva. O estudo de asociación de todo o xenoma do grupo de 130.153 participantes da investigación 23andMe con sede nos EUA comparouse cunha base de datos similar do Biobanco do Reino Unido de 334.649 británicos e británicas, revelando asociacións xenéticas positivas consistentes entre o café e resultados nocivos para a saúde como a obesidade e o uso de substancias. Unha asociación xenética positiva é unha conexión entre unha variante xenética específica —o xenotipo— e unha condición específica —o fenotipo—. Pola contra, unha asociación xenética negativa é unha calidade protectora aparente que desalenta o desenvolvemento dunha enfermidade. Os achados vólvense máis complicados cando se trata de condicións psiquiátricas.

"Eis o caso da xenética da ansiedade, por exemplo, ou do trastorno bipolar e a depresión: no conxunto de datos de 23andMe, tenden a correlacionarse xeneticamente positivamente coa xenética do consumo de café. Pero logo, no Biobanco do Reino Unido, vese o patrón oposto, onde están correlacionados xeneticamente negativamente. Isto non é o que esperabamos", explica Thorpe, quen manifesta que houbo outros casos nos que o conxunto de 23andMe non se aliñaba co Biobanco do Reino Unido, pero o maior desacordo foi nas condicións psiquiátricas.

É común combinar conxuntos de datos similares neste campo para aumentar o poder do estudo. Esta información mostra unha imaxe bastante clara de que combinar estes dous conxuntos de datos realmente non foi unha boa idea. "E ao final non terminamos facendo iso", xa que fusionar as bases de datos podería enmascarar efectos, explica, levando as e os investigadores a conclusións incorrectas ou mesmo anulándose entre si.

Máis aló do tamaño da porción e a división entre cafeína e descafeinado, as enquisas non tiveron en conta as diversas formas en que se serve o café. "Sabemos que no Reino Unido xeralmente teñen unha maior preferencia polo café instantáneo, mentres que nos Estados Unidos prefiren máis o café moído", explica Thorpe.

"A xenética inflúe en moitas cousas. Por exemplo, inflúe na altura que poidas ter. E ese tipo de cousas probablemente desenvolveríanse de maneira moi similar. Dá igual que vivas nos Estados Unidos ou no Reino Unido. Pero o café é unha decisión que toma a xente", precisan. Sánchez-Roige sinalou que o café se presenta en diversas formas, desde instantáneo até frappuccino, e é consumido no medio de normas culturais que difiren dun lugar a outro. Unha persoa cun genotipo determinado podería terminar tendo un fenotipo ben diferente se vive no Reino Unido ou nos EUA.

"E iso é realmente o que nos din os datos. Porque a diferenza da altura, onde o teu comportamento realmente non ten moito a ver, o teu comportamento e as decisións que tomas na túa contorna maniféstanse de varias maneiras. Entón a interacción entre o xenotipo e o ambiente complica o panorama", engade.

Os colaboradores salientaron a necesidade de realizar máis investigacións para desentrañar as relacións entre a xenética e o medio ambiente, centrándose non só na inxesta de café e cafeína senón tamén noutras cuestións relacionadas co uso de substancias.