"Contigo Jenni, por todas". O feminismo galego maniféstase en apoio a Jenni Hermoso

Jennifer Hermoso. (Foto: AFP7 Europa Press)
O feminismo galego sae á rúa esta segunda feira en apoio a Jenni Hermoso e para protestar contra Luis Rubiales, presidente da Real federación Española de Fútbol (RFEF) suspendido pola FIFA o pasado sábado, por mor do seu bico non consentido á propia futbolista Jenni Hermoso e os seus xestos obscenos no mundial de fútbol en Australia.

O feminismo galego sae á rúa esta segunda feira para protestar contra Luis Rubiales, presidente da Real federación Española de Fútbol (RFEF) suspendido pola FIFA o pasado sábado, por mor do seu bico non consentido á futbolista Jenni Hermoso e os seus xestos obscenos no mundial de fútbol en Australia.

Baixo o lema ‘Contigo Jenni, por todas’ haberá concentracións ás 20 horas en diferentes localidades do país en repulsa polos actos de Rubiales.

Así, as concentracións convocadas até o de agora son:

  • A Coruña, no Obelisco
  • Ames, na Praza Maia
  • Betanzos, no Palco da Música
  • Compostela, na Praza 8-M
  • Ferrol, na Praza Amada García
  • Ponteceso, na Praza do Recheo
  • Pontevedra, na praza da Peregrina
  • Ribeira, na Praza do Concello
  • Vigo, no Marco

Posicións políticas

A respecto do acontecido con Rubiales, e en concreto, as declaracións do presidente da Federación Galega de Fútbol (RFGF), Rafael Louzán,  que asegurou que “son erros que se cometen”, o BNG fixo pública a súa condena.

A través da súa portavoz nacional, Ana Pontón, a formación nacionalista exixiu a dimisión de Louzán.

Pola súa parte, o PSdeG tamén se posicionou a este respecto indicando que quere "sumarse ao clamor popular en apoio á futbolista diante dos actos absolutamente intolerábeis, machistas e improcedentes" por parte do presidente da RFEF.

Así, animan a poboación da Galiza a participar das concentracións convocadas para esta segunda feira polo movemento feminista galego.