Continúa o descenso da incidencia do novo coronavirus na Galiza

Ademais dos casos activos, baixa a presión hospitalaria tanto en unidades convencionais como nas áreas de críticos. Os novos positivos volven rexistrar unha leva variación á alza. O Sergas anotou 167 contaxios nas últimas 24 horas.

A evolución da pandemia da Covid-19 na Galiza mantén a liña descendente que acompaña a relaxación das restricións. Segundo os últimos datos facilitados pola Consellaría de Santidade, os casos activos xa se sitúan por baixo dos 3.000, con cifras similares ás de finais do mes de agosto do pasado ano. As infeccións activas declaradas neste momento son 2.931, e diminúen en todas as áreas sanitarias.

Tamén se volve reducir a presión hospitalaria ata os 330 ingresados con Covid-19, 18 pacientes menos que o día anterior, deles 73 en Unidades de Coidados intensivos.

Hospitaliazacións

Os ingresados por coronavirus descenden en cinco das sete áreas sanitarias. Soben na de Ourense, que mantén catro doentes en UCI -sen cambios- e 20 noutras unidades -un máis-. En Vigo, seguen 16 persoas en críticos e 41 noutras unidades, sen cambios en ningún caso.

A área sanitaria da Coruña e Cee experimentou o maior alivio, ao baixar a 25 os pacientes Covid en UCI -tres menos- e 95 noutras unidades -seis menos-. Na de Pontevedra e O Salnés caen a sete o críticos -un menos- e a 22 os que permanecen noutras unidades -tres menos-.

En canto á de Santiago e O Barbanza, son sete as persoas en UCI -una menos- e 39 as ingresadas en planta -dúas menos-; na de Ferrol descenden a 24 os ingresados en unidades convencionais -dúas menos-, pero soben a oito os críticos -un máis-. Mentres, na de Lugo, contan seis doentes en UCI e caen a 16 os doutras unidades -dous menos-.

Máis contaxios

Pola súa banda, os contaxios diarios detectados con calquera tipo de proba anotaron unha lixeira repunta até os 167 -nove máis que a xornada anterior-, tras comezar a semana con 88. Destes, 133 foron confirmados mediante PCR, 57 deles só na área da Coruña e Cee.

Os contaxiados por coronavirus na Galiza ascenden a 114.366 desde o inicio da pandemia, dos cales 27.575 corresponden á área da Coruña e Cee; 21.502 á de Vigo; 18.159 á de Santiago e Barbanza; 14.677 á de Ourense; 12.524 á de Pontevedra e O Salnés; 11.835 á de Lugo e 8.094 á de Ferrol.

Incidencia e taxa de positividade

A incidencia acumulada volve rexistar un novo descenso. É menos acusado pero mantén aínda esa liña descendente que deixa en 39 os casos acumulados por 100.000 habitantes nos últimos sete días e en 86 os casos a 14 días.

A taxa de positividade, a porcentaxe de infeccións por tests PCR realizados, subiu lixeiramente até 1,86%, polo que se mantén afastado do limir de 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

Falecidos

Desde o inicio da pandemia faleceron na Galiza 2.289 persoas diagnosticadas con coronavirus tras notificar Sanidade, na noite da pasada quinta feira, 11 de marzo, a morte doutras cinco.