Continúan a aumentar os contaxios, 461 positivos en 24 horas, e 11 falecementos nunha xornada

(Foto: Europa Press)

Os casos activos tamén se incrementaron até os 5.675, o que supón 218 máis con respecto aos datos desta cuarta feira. O número de falecidos é de  847. Soben a 364 os pacientes con Covid hospitalizados, 47 deles en UCI.

 

Os positivos por Covid-19 detectados na Galiza nas últimas 24 horas por PCR volveron a repuntar tras sumar outros 461 -o que supón 20 máis que a xornada anterior-, deles 111 corresponden á área sanitaria de Vigo e 78 á de Santiago e Barbanza.

Así se reflicte nos datos publicados na mañá de hoxe na web do Sergas con rexistros até as 18:00 horas de onte, recollidos por Europa Press, nos que se indica que en Ourense houbo 76 novos positivos por PCR confirmada nas últimas 24 horas; 65 na área da Coruña e Cee; 50 na de Pontevedra e O Salnés; 46 na de Lugo e 35 na de Ferrol.

Os casos activos tamén se incrementaron até os 5.675, o que supón 218 máis con respecto aos datos desta cuarta feira. En concreto, soben en todas as áreas sanitarias agás na de Ourense, onde volven descender lixeiramente en cinco e sitúanse en 1.489.

Mentres, o maior incremento de casos activos corresponde á área de Vigo, con 95 máis até os 995; seguida de Santiago, cunha subida de 40 até os 891; 32 máis en Ferrol, que conta con 283; 26 na de Pontevedra e O Salnés que se sitúa en 564; outros 24 máis na de Lugo até os 542; e seis na da Coruña e Cee, que ten 911.

Na Galiza curáronse até o momento 24.255 persoas e realizáronse un total de 609.516 PCR e 391.246 probas serolóxicas.

Até a data faleceron 847 persoas. As últimas 11 vítimas foron notificadas na tarde de onte, seis delas procedentes da residencia Os Gozos de Pereiro de Aguiar (Ourense).

En concreto, as últimas falecidas foron unha muller de 87 anos ingresada no Complexo Hospitalario da Coruña, unha muller de 85 ingresada no Complexo Hospitalario de Ferrol e unha muller de 88 anos ingresada no Clínico de Santiago.

Este número de vítimas -11 nunha xornada- é dos máis altos que comunicou Galiza en nova normalidade. En concreto, o pasado 13 de outubro, hai pouco máis dunha semana, Sanidade tamén comunicou 11 falecidos, a cifra máis alta rexistrada na Galiza desde o 26 de abril, cando morreron 15 persoas en relación á covid-19.