Continúan as protestas contra a falta de profesorado e incumprimento de ratios, que a Xunta quere reducir a "casos concretos"

Protesta esta fin de semana en Portomarín. (Foto: vídeo ANPA Virxe da Luz)
Pais e nais do colexio 'Virxe da Luz' de Portomarín concentráronse ante o albergue da Xunta para peregrinos, imposibilitando o acceso durante unha hora. Esta segunda e terza feira hai convocadas concentracións en varios concellos contra "os recortes no en sino público".

O curso escolar 2024-2025 xa está en marcha desde hai case dúas semanas e as protestas e queixas na comunidade escolar pola falta de profesorado ou incumprimento de ratios nas aulas continúan en diferentes comarcas da Galiza. 

Mobilizacións que xa se desenvolvían en moitos casos no verán, cando as Anpas coñecían que nos seus centros para o curso que viña non ía haber profesotrado abondo, ou ían faltar especialistas, ou recortábanse medios. Unha dinámica, a das protestas exixindo a Xunta que "cumpra", que se mantén.

Este sábado, en Portomarín (comarca de Lugo) pais, nais e escolares do colexio Virxe da Luz concentrábanse diante do Albergue da Xunta da Galiza nesta localidade, o que imposibilitou durante unha hora o acceso a estas instalacións. Na protesta tomou parte o alcalde da localidade, do PP.

A ANPA exixe á Xunta que cubra a praza fixa de profesor que está vacante no centro e que constitúe, segundo denuncian os pais e nais, "unha mingua moi importante na calidade da educación que reciben os nosos fillos". O lema da concentración foi "Mirar polo Camiño si, pero tamén polos veciños".

A Confederación de Anpas Galegas e Anpas Composela convocaron para esta semana entrante varias concentracións na comarca baixo o lema "Non aos recortes no ensino público". Esta segunda feira será en Brión, e o martes en colexios de Ames, Compostela, Teo e Rois.

Tamén, a vindeira sexta feira, día 27, hai convocada unha concentración en Lousame (comarca de Noia) pola ANPA do colexio Cernadas de Castro, reclamando maior profesorado especialista para atender as necesidades do alumnado do centro. 

Son só algúns exemplos das protestas que se desenvolven pola comunidade escolar en diferentes partes da Galiza. Ante isto, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, reduciu a "casos concretos" as queixas e protestas nos centros educativos pola falta de recursos humanos e materiais.

En declaracións aos medios, o conselleiro apelou a "pór en escala" estas críticas, tendo en conta que a Galiza ten máis de 1.100 centros. Neste contexto, aínda que "respecta" as reivindicacións que promoven profesores, sindicatos e asociacións de pais e nais, chamou a observar "o marco xeral" da educación galega.

Porén, desde a comunidade escolar inciden en que a falta e recortes en persoal ou o incumprimento das ratios afecta de maneira importante á calidade do ensino público galego, que é competencia da Xunta da Galiza.