Contra o cianuro, poesía

A Plataforma pola defensa de Corcoesto organiza para o 11 de agosto un recital de versos contra a mina a ceo aberto. Será na casa veciñal do Couto, en Ponteceso, e participarán, entre outr@s, Lucía Aldao, María Lado ou Laxe Martiñán

A Plataforma pola defensa de Corcoesto manifestará máis unha vez o rexeitamento contra a mina a ceo aberto proxectada nos montes desta parroquia. A explotación de ouro, que empregará o cianuro como reactivo para separar o mineral da pedra, afectará tamén os concellos de Ponteceso e Coristanco, para alén de Cabana de Bergantiños.

Desta volta non serán nin concentracións nin faixas penduradas nas árbores, só poesía. Un recital de versos que se realizará o 11 de agosto ás oito do serán na casa veciñal do Couto, en Ponteceso, e en que se poderán ouvir as voces de Lucía Aldao, Diego Cousillas, Óscar de Souto, Chisco Fernández Naval, María Lado, Xosé Antón Laxe Martiñán, Lucía Novas, Xosé Luis Santos Cabanas e Paco Souto. O pianista Serxio Moreira encargarase de pór fondo musical aos poemas. A parte plástica vai asinada por Nolo Suárez, cuxo mural fará as veces de pano de fondo do escenario.

O número 9 do semanario Sermos Galiza recolle unha ampla reportaxe sobre os proxectos mineiros no país, (Mal)vender o noso monte, onde veciñ@s de Corcoesto e integrantes da plataforma contan o impacto que a mina terá nas súas vidas e na contorna.