Contratos de un día ou formacións de 40 horas: Críticas ao programa da Xunta que busca o retorno de emigrantes

Oficina de Nortempo no Porriño (comarca de Vigo). (Foto: Nortempo)

A Xunta apunta que a situación “só afecta a 12 dos 218 participantes”, aos que se lles ofreceu orientación personalizada

O Foro Galego de Inmigración denunciou "graves irregularidades" no Programa Retorna Cualifica Emprego da Xunta da Galiza correspondente ao ano 2023, un proxecto que pretende que as persoas de orixe galega residentes noutros países retornen á Galiza cun "posto de traballo seguro".

Segundo o Foro Galego de Inmigración este "mal funcionamento" afecta, polo menos, a seis persoas na área de Santiago de Compostela e outras 10 na área de Vigo.

O Foro explicou nun comunicado que, como trasladou á Fundación Nortempo e á Xunta, algúns dos participantes "non asinaron o precontrato no seu lugar de orixe (tal como estabelece o programa)".

Así mesmo, algúns "non asinaron un contrato indefinido", senón que realizaron "unicamente unha formación laboral de 40 horas". Denuncian tamén que, nalgúns casos, "asinouse un contrato de só un día, con baixa na Seguridade Social ao día seguinte".

O Foro Galego de Inmigrantes obxectou que, sen traballo nin axuda para acceder a unha vivenda, os 1.300 euros que os integrantes do programa recibiron para o gasto do primeiro mes resultaron ser "insuficientes".

Outra das críticas a esta xestión é que, en lugar de ofrecerlles un traballo, foron orientados como "calquera cidadán" a distintos procesos de "procura de traballo".

12 persoas de 218

A Xunta, pola súa banda, sinalou que este programa, "aínda en fase de revisión", permitiu que 218 persoas chegasen á Galiza cunha “oferta laboral”, das que "unicamente 12 están nestes momentos desocupadas ao terminar a súa relación laboral".

A estas persoas, apunta o Goberno galego tras ser consultado pola axencia Europa Press, "ofrecéuselles desde a Xunta servizos de orientación para o emprego personalizados", pero só seis "mostraron interese en asistir".

O programa, apuntan as mesmas fontes, "aínda está en fase de revisión e avaliación" para "garantir a súa correcta execución e ofrecer na segunda edición unha oferta adecuada ás moitas solicitudes que están a chegar".