USC e Fundación Caixa Rural asinan un convenio para a convocatoria dun contrato pre doutoral con finalidade investigadora

O vicepresidente da Fundación Caixa Rural, Manuel Varela, e o reitor da USC, Antonio López, asinando o convenio esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)
O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais desde a publicación da convocatoria na sede electrónica da USC.

A Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas presentaron esta sexta feira un segundo convenio de colaboración mediante o cal a Fundación dotará economicamente a convocatoria dun contrato predoctoral con finalidade investigadora. O convenio e o contrato teñen unha duración de tres anos e a dotación económica será integramente sufragada por esta entidade.

Ao acto de sinatura, que decorreu na sede central de Caixa Rural Galega en Lugo, acudiron o reitor da USC, Antonio López Díaz; o vicerreitor de organización académica e do campus de Lugo, Francisco J. Fraga López; o vicepresidente da Fundación e presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela López, e mais Salvador Diz Cerviño, Alberto Cepeda Sáez e Antonio Riveira Requeijo, membros do Padroado da Fundación.

Ambas as partes congratuláronse por renovar este acordo de colaboración que "permite incrementar a capacidade da USC" para dotarse de persoal investigador, así como "facilitar ás persoas graduadas a posibilidade de realizar unha actividade investigadora remunerada" que permita, así mesmo, a obtención dun título de doutoramento.

O obxectivo da colaboración de ambas as institucións é o de contribuír á promoción e mellora da actividade investigadora, o desenvolvemento e a innovación universitaria, así como a calidade da educación superior, e en xeral do avance da sociedade a través da formación de novo talento científico e tecnolóxico.

A USC será a encargada de realizar a convocatoria, así como de realizar a contratación e dar soporte á actividade investigadora do contratado. Igualmente conformará a comisión de avaliación na que participará un representante nomeado pola Fundación.

Poderán concorrer á obtención destes contratos aqueles e aquelas estudantes que estean en posesión dun título universitario de grao ou equivalente e de Máster universitario ou equivalente, que vaian realizar un plan de investigación nalgunha dos catro eixos estabelecidos na convocatoria, todos eles relacionados co mundo agroalimentario e forestal e a sustentabilidade como eixo transversal.

Os eixos ou áreas de investigación serán a produción vexetal e agricultura sostíbel, a produción e saúde animal sostíbel, a alimentación segura e saudábel e, por último, a xestión forestal sostíbel. A convocatoria está publicada na sede electrónica da USC [nesta ligazón], onde tamén se poderán presentar as solicitudes. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais desde a publicación da convocatoria na sede electrónica da USC.