Convocada unha manifestación nacional este sábado en Compostela en apoio ao pobo palestino

Manifestación en Compostela en solidariedade con Palestina (Foto: Arxina).
Baixo o lema ‘Paremos o xenocidio. Galiza con Palestina’ será a compostelá Alameda o escenario de inicio da mobilización o 28 de outubro ás 18 horas. Unha mobilización que busca condenar os “crimes de guerra” que Israel está a cometer contra o pobo palestino na Faixa de Gaza.  

BDS Galiza, Mar de Lumes, a Asociación Galaico Árabe Jenin e a Asociación Galiza por Palestina convocaron esta terza feira unha manifestación nacional en apoio ao pobo palestino.

Baixo o lema ‘Paremos o xenocidio. Galiza con Palestina’ será a compostelá Alameda o escenario de inicio da mobilización o 28 de outubro ás 18 horas. Unha mobilización que busca condenar os “crimes de guerra” que Israel está a cometer contra o pobo palestino na Faixa de Gaza.  

Esta cuarta feira ás 11 horas no salón Rashid do Hotel Araguaney de Compostela, representantes das organizacións de solidariedade galega co pobo palestino teñen previsto dar unha roda de prensa para presentar esta manifestación nacional.

A convocatoria fai parte dunha campaña en que estas organizacións teñen convocado xa 37 mobilizacións de carácter local e comarcal nas dúas últimas semanas e que prevé continuar para denunciar o continuo castigo do Estado de Israel contra o pobo palestino que dura xa 75 anos. 

Comparecerán representantes da Asociación Galaico-Árabe Jenín, da Campaña BDS Galiza, de Galiza por Palestina e de Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista.

Continúan os ataques

Na madrugada desta terza feira proseguiron os bombardeos israelís contra a Faixa de Gaza, ataques que deixaron outro 120 mortos que se suman aos millares que xa se contabilizan desde o 7 de outubro.

Así, máis de 5.100 palestinos perderon a vida en Gaza en pouco máis de dúas semanas, desde que as Forzas Armadas de Israel lanzaron a maior ofensiva militar en anos.