Convocan unha concentración en Burela fronte á “cobiza das enerxéticas” e o proxecto de implantación da eólica mariña

Unha bandada de gaivotas fronte a un parque de eólica mariña nos Países Baixos. (Foto: Gigra)

A Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños (antiga Plataforma Manifesto Burela) chama a se mobilizar “na defensa das vilas pesqueiras”.

Sábado, 6 de abril, en Burela, ás 12 horas ante a Confraría de Pescadores. Ese é o lugar e a hora da concentración convocada pola Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños. A publicación do Real decreto polo que se regula a produción de enerxía eléctrica en instalacións situadas no mar é, denuncian, “o disparo de saída á poxa dos nosos caladoiros de pesca para ser ocupados pola industria eólica mariña”.

Para a Plataforma, este proxecto é “unha volta de porca máis” na intención do Ministerio de Transición Ecolóxica de implantar a eólica mariña nas augas galegas e españolas “sen ningunha consideración cara aos seus impactos socioeconómicos na pesca e os impactos nos ecosistemas mariños”.

A concentración, sinalan, quer “reivindicar a supervivencia das localidades pesqueiras como Burela, fronte á cobiza das enerxéticas e a complicidade do Goberno español para implantar a eólica mariña sacrificando os nosos pescadores, as nosas vilas mariñeiras e os nosos ecosistemas mariños”.

A Plataforma, unha vez que non foi considerada a súa proposta de paralización da tramitación do Proxecto de Real, acordou a finais de marzo remitir ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) unha serie de alegacións.

Desde a plataforma entenden que, de seguir adiante o Miteco coa vontade de proceder a poxar zonas para a implantación da eólica mariña nas augas do Estado español, debería terse en conta a postura do colectivo.  Nesta liña, a plataforma traslada unha serie de alegacións que considera "esenciais", no suposto de que "algún proxecto puidese coexistir coa pesca e sen afectación aos ecosistemas mariños". 

 A primeira das premisas nas que a entidade fundamenta as súas alegacións é o diálogo público-privado, pois entende que debe ser obrigatorio crear un marco de diálogo con todos os sectores afectados e involucrados. "A pesca non é compatíbel coa instalación de polígonos de eólica mariña", afirman, "pois nas zonas de ditos polígonos é inviábel a pesca". Con base nisto, a plataforma sinala a necesidade de valorar a posibilidade de coexistencia entre pesca e eólica.

A seguir, engaden que é fundamental contar con todos os informes científicos sobre impactos nos ecosistemas mariños e impactos nas pesca das posíbeis zonas para poxar, o cal debe realizarse antes do deseño de ditas zonas.

Entre as alegacións da plataforma ao proxecto de eólica mariña figura a ponderación das puntuacións para adxudicar os proxectos presentados, no cal considera que debe ser prioritario o aspecto socioeconómico e medioambiental, e non as cuestións económicas, como propón o Miteco. 

Igualmente, o colectivo sinala a importancia de que o Instituto Español Oceanográfico teña un "protagonismo esencial" na emisión de informes, "para preservar e garantir a mellor protección do medio mariño". E, dada a complexidade dos ecosistemas mariños, a plataforma pide que se aumente de 30 a 45 días o tempo dispoñíbel para o exame e valoración dos trámites de avaliación ambiental. Finalmente, "dadas as grandes incertezas" sobre como pode afectar a eólica mariña aos ecosistemas, exixen reducir as concesións de 30 a 25 anos.