Educación

A convocatoria da mesa sectorial non rebaixa a tensión no ensino: a proposta de negociación é "impresentábel"

A Consellaría de Educación ofrece rebaixas na ratio de estudantes só en Infantil e Primaria. (Foto: Arxina)
A Administración galega vén de presentar un documento de negociación para a mellora das condicións do profesorado que debullará cos sindicatos a semana que vén na mesa sectorial.

No penúltimo día de setembro, a Consellaría de Educación convocou a Mesa Sectorial Docente para a próxima segunda feira, 2 de outubro, co obxectivo de presentar ás organizacións sindicais unha proposta de mellora que inclúe medidas que afectan tanto ao funcionamento do sistema educativo galego como das condicións laborais do seu profesorado.

"O obxectivo é sentar as bases da educación da vindeira década, posibilitando que Galiza siga tendo un dos mellores sistemas de España", recolle a nota da Consellaría na que dá a coñecer a as medidas coas que aspira a que o ensino galego "siga sendo unha referencia, dando estabilidade ao profesorado e mellorando as condicións de aprendizaxe do alumnado".

A Administración atendeu o ultimato da CIG de presentar antes de que rematase o mes de setembro un documento de negociación

O documento que Educación trasladou aos sindicatos estabelece medidas relacionadas coas ratios de alumnado por aula, a carreira profesional docente, a función directiva ou as tarefas administrativas; unha relación de propostas que a CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, cualifica de "impresentábel".

"O único que se pode recoñecer é que a Administración atendeu o ultimato da CIG de presentar antes de que rematase o mes de setembro un documento para negociar as condicións laborais do profesorado. A día 29 cumpriu, pero todo o demais non dá resposta a ningunha das demandas que existen a nivel laboral e social", explica a Nós Diario Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino. 

Ratios e complementos

Educación propón a redución de ratios nas etapas de Infantil e Primaria, que pasarían a ter 20 crianzas por aula fronte ás 25 actuais, unha rebaixa que comezaría a aplicarse o vindeiro curso.

A CIG critica que esta redución se limite a Infantil e Primaria sen abordar a diminución na ESO e no Bacharelato, "as dúas etapas con máis problemas agora mesmo", nin tampouco na FP nin nas aulas de educación especial: "O que fai é propor a dez anos unha redución que vai vir dada pola vía natural" e que xa se observa na caída da escolarización derivada da caída da natalidade".

O documento de negociación presentado non abonda para suspender a vía da mobilización

No capítulo de mellora da carreira profesional docente, Educación ofrece un incremento mensual de 15% no complemento específico do profesorado ligado á súa formación. Aplicarase ao longo de tres cursos, cun 5% consecutivo máis en cada un.

"Cada vez que a CIG propón entrar no miolo das condicións laborais, que é o tema do horario, de rebaixar as horas de clase para atender outras tarefas como a coordinación didáctica, por exemplo, a Consellaría ponnos cartos enriba da mesa. É a segunda vez que o fai, e nós aquí non estamos pedindo cartos", rebate Bermello, quen fala dunha "suba ridícula" para os docentes de a pé mentres reserva unha contía extra para persoas que "xa están en cargos cun complemento moi alto".

O voceiro da CIG-Ensino destaca referiuse a proposta de elaborar un plan de simplificación das tarefas burocráticas, "terá que presentalo non fiar a súa elaboración aos próximos dez anos!, recriminou.

Mobilización

Tras coñecer os detalles da proposta da Consellaría, a CIG-Ensino solicitou adiar á terza feira a reunión da masa sectorial en virtude dun acordo tácito entre Educación e sindicatos para que teñan lugar ese día, salvo casos xustificados, "que non é o caso".

Bermello precisou que o documento de negociación presentado non abonda para suspender a vía da mobilización. "Segue aberta e buscaremos o acordo maioritario co resto dos sindicatos".