O coordinador da UNED Senior carga contra os suspensos por usar o galego: "Non hai idiomas de segunda e de primeira"

Luís Rodíguez Patiño, coñecido como o 'Cura de Xestoso' (Foto: UNED).
Luís Ángel Rodríguez Patiño reclama o dereito a examinarse na lingua propia

Luís Ángel Rodríguez Patiño, coordinador da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) Senior do Rural Galego e cura párroco de Xestoso, en Monfero (comarca do Eume), mostrou o seu "malestar" e a súa "protesta" ante o suspenso recibido por Bieito Lobeira por usar o galego nun exame nesta universidade estatal, tal e como recolleu esta quinta feira Nós Diario.

Lobeira, ex deputado do BNG e alumno de Antropoloxía no centro da UNED de Pontevedra, suspendeu o exame da materia de Teoría Sociolóxica, cuxas probas son corrixidas en Madrid, recibindo como resposta á súa petición de revisión que "o equipo docente non ten competencia nin instrumentos para avaliar unha proba redactada nun idioma diferente do castelán" e que, polo tanto, "non ten a obriga de corrixilo".

Para o coordinador da UNED Senior do Rural Galego é "desde logo, un caso evidente de discriminación por usar a lingua galega, así como a constatación de que non todos e todas somos iguais no Estado español". 

Recorda Rodríguez Patiño que os Estatutos da universidade asumen como misión fundamental o apoio ás culturas do Estado español, así como a colaboración coas Administracións autonómicas para a difusión da lingua e a cultura. Na mesma liña, o cura de Xestoso sinala ao artigo 5 do Estatuto de Autonomía da Galiza, que recolle o dereito a usar o galego en calquera ámbito público.

"Declaro que non hai idiomas de primeira e de segunda e que todos e todas temos o dereito a usar as nosas linguas", conclúe o coordinador, que se suma ás protestas emitidas tamén pola Mesa pola Normalización Lingüística e mais o BNG.