Coronavirus: 120 novas persoas contaxiadas nas últimas 24 horas

Test (Álex Zea / Europa Press)

As altas son 1588 (40 máis ca onte) e o falecementos, 472.

Sanidade cifra en 6.416 as persoas contaxiadas por COVID-19 na Galiza, o que supón un aumento de 120 infectadas a respecto de onte, cando aumentara en 91 os casos activos de coronavirus en comparación co domingo.

Desas 6.416 contaxiadas, 1.417 son da área da Coruña, 610 da de Lugo, 1.293 da de Ourense, 515 da de Pontevedra, 1.162 da área de Vigo, 1.063 da de Santiago, e 356 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 101 permanecen en UCI, 603 están en unidades de hospitalización e 5.712 no domicilio. Os ingresos en coidados intensivos, pois, continúan a baixar: esta segunda feira eran 108, sete máis que hoxe.

Polo de agora, na Galiza rexistráronse 1.588 altas de pacientes (incremento de 40 sobre a segunda feira) e 472 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 74.419.

Residencias

As residencias continúan a ser unha das frontes principais de loita contra a COVID-19. Dos máis de 6.400 casos de contaxio que hai na Galiza, case 1.400 están ligados ás residencias (977 usuarias e 406 traballadoras).

Das 472 vítimas mortais provocadas por este virus, máis de 200 son de residentes, máis de 40%.

O número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais da Galiza supoñen 4% do total das persoas residentes.