Coronavirus: 900 400 116 amplía horario e persoal para atender as máis de 6.000 chamadas diarias

A Consellería de Sanidade informa que amplía desde a mañá deste sábado o horario do reforzo, de até 100 teleoperadores, para a atención exclusiva do teléfono gratuíto 900 400 116 de información e consulta sobre o coronavirus que se manterá desde as 8 ata as 24 horas durante todos os días da semana.

O reforzo do persoal teleoperador do 900 400 116 comezou a pasada terza feira en horario de 9,00 a 21,00. A partir deste sábado, ante o elevado número de chamadas atendidas, cunha media diaria de 6.165 chamadas só nesta liña 900, Sanidade vén de incrementar este reforzo nas franxas horarias.

Ás chamadas atendidas no 900 400 116 engádense as atendidas no 061 en relación con esta enfermidade que, desde a implantación deste reforzo, supoñen unha media diaria de 819 chamadas atendidas. Todo o anterior fai que na Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que xestiona ambos os dous números de teléfono, a media diaria de chamadas atendidas en relación co coronavirus sexa de 6.984

Ademais do número 900 400 116 de información gratuíta sobre o coronavirus, a Consellería de Sanidade puxo a disposición da cidadanía outras ferramentas de atención e consulta acerca desta enfermidade como o formulario de autotest sobre o coronavirus, dispoñible na páxina do Sergas https://coronavirus.sergas.es, e na páxina web do 061 061.sergas.gal.