Coronavirus: CIG solicita que se dote a todo o persoal de luvas de látex e xel desinfectante

CIG-Correos vén de remitir un escrito á Comisión Estatal de Saúde Laboral de Madrid solicitando que se dote a todo o persoal da empresa en Galiza de luvas de látex e de xel desinfectante individual como medida preventiva ante o coronavirus.

Para este sindicato o protocolo establecido pola empresa resulta totalmente insuficiente para a maioría das traballadoras e traballadores, xa que tanto  as carteiras como o persoal de atención ao público en oficinas non teñen a opción de lavar as mans cada vez que están en contacto con outras persoas ou obxectos.

O secretario da CIG-Correos, Jhon Vivanco, lembra que os traballadores e traballadoras de Correos son un colectivo de risco debido ao seu continuo contacto e proximidade co público e coa clientela en xeral.