Coronavirus Galiza: 73.688 casos activos e 53 ingresos na UCI

Unha proba PCR desde un coche (Foto: Europa Press).
Os novos contaxios da Covid-19 seguen en descenso na Galiza, cuns 4.700 que supoñen 200 menos que no inicio desta semana, mentres que os casos activos deste coronavirus ascenden a 73.688.

Segundo os datos actualizados na mañá desta terza feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas da segunda feira, descenden a 53 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 na Galiza (-1) e a 549 as hospitalizadas noutras unidades (-7), mentres que 73.086 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en catro das sete: A Coruña-Cee, Ourense-Verín-O Barco, Lugo-A Mariña-Monforte e Ferrol; mentres que aumenta nas outras tres: Vigo, Compostela-O Barbanza e Pontevedra-O Salnés. En concreto, na Lugo, aínda que seguen seis pacientes Covid en UCI, descenden a 53 os ingresados noutras unidades --nove menos--; mentres que na da Coruña descenden a 13 o críticos (-1) e a 132 os doutras unidades (-2).

No caso da de Ourense, baixan a sete os pacientes Covid en UCI (-1) e a 84 os hospitalizados noutras unidades (-1); e na de Ferrol soben a catro o críticos (+1), pero descenden a 29 os ingresados noutras unidades (-3). Pola súa parte, na de Vigo continúan 10 pacientes Covid en UCI e aumentan a 93 os ingresados noutras unidades (+3); e na de Compostela tampouco hai cambios nos críticos, segue con seis, pero soben a 86 os hospitalizados noutras unidades (+2). E na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantéñense sete pacientes Covid en UCI (sen cambios), pero aumentan a 73 os ingresados noutras unidades (+2).

Soben os casos activos

Os casos activos volven aumentar e sitúanse en 73.688 na Galiza, que supoñen 1.115 máis que a xornada anterior ao haber máis novos contaxios (4.716) que altas (3.593), ao que se suman varios falecementos. Na terza feira da semana pasada había 71.504 infeccións.

Por áreas sanitarias, os casos activos descenden só nunha das sete, a de Ferrol (-133), mentres aumentan nas outras seis, coa de Vigo á cabeza (+487), seguida da de Santiago e Barbanza (+323), A Coruña e Cee (+183), Lugo (+118), Pontevedra e O Salnés (+108) e Ourense (+29). Deste modo, con máis casos activos continúa a área sanitaria de Vigo, con 19.489; seguida da da Coruña e Cee, con 14.930; Santiago e Barbanza, con 11.023; Pontevedra e O Salnés, con 8.567; Ourense, con 8.178; Lugo, con 7.557; e á cola mantense a de Ferrol, con 3.944.

Segundo os últimos datos actualizados polo Ministerio de Sanidad este 17 de xaneiro, a incidencia acumulada a 14 días da Galiza ascende a 3.464 casos por cada 100.000 habitantes, fronte aos 3.398 de media no Estado español.

Contaxios en descenso

Polo seu lado, os novos contaxios de Covid-19 seguen en descenso no conxunto do país após rexistrarse 4.716, que supoñen 200 menos dos 4.916 cos que comezou esta semana, após os case 8.000 do pasado domingo despois de dous días consecutivos por encima desa cifra.

Por tanto, a Galiza suma desde o inicio desta pandemia 345.238 contaxiados por coronavirus, dos que 79.697 corresponden á área de Vigo; 73.098, á da Coruña; 52.042, á de Santiago; 42.955, á de Ourense; 41.114, á de Pontevedra; 35.695, á de Lugo; e 20.637, á de Ferrol.

Nas últimas 24 horas realizáronse 4.222 PCR (un milleiro menos que na xornada anterior), que eleva a 3.472.387 as realizadas desde o inicio da pandemia; e 8.436 test de antíxenos (uns 2.400 máis), que suman 1.314.819. Entre ambos os tipos constitúen 12.658, unhas 1.400 probas máis efectuadas que o día pasado. En canto á taxa de positividade en PCR —número de infeccións detectadas cada 100 test—, descende de novo até o 16,3%, após comezar esta semana en 18,28%. Por tanto, fica por riba do limiar do 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Persoas falecidas e curadas

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia na Galiza aumentan a 2.856, ao notificar a Consellería de Sanidade esta segunda feira nove óbitos. Cinco destes falecementos tiveron lugar o pasado día 14 na área sanitaria de Vigo, e o domingo 16 de xaneiro morreron catro persoas. Todas elas presentaban patoloxías previas.

Pola súa parte, 268.742 persoas diagnosticadas de coronavirus curáronse en todo o país desde o comezo desta crise sanitaria, que implican 3.593 máis que as contabilizadas até o día pasado.