Coronavirus na Galiza: baixan os casos activos e os ingresos nas UCI

Test nun centro de saúde (Foto: EP).
As persoas nas unidades de críticos alcanzan a menor cifra en máis de tres semanas

Galiza detectou 329 novos casos de Covid-19 en 24 horas, o que implica baixar lixeiramente, en 26, os positivos notificados un día atrás e situarse en cifras de mediados de outubro, antes do ascenso da segunda onda.

Segundo figura este domingo no parte da Consellería de Sanidade, con datos actualizados até as 18 horas do sábado, a área sanitaria de Vigo continúa como a que máis infeccións notifica, pero ademais cunha subida de 35, o que a sitúa nos 109, por encima da centena tras dous días seguidos por baixo.

Tamén rexistra unha alza, aínda que lixeira, a área sanitaria de Santiago-Barbanza, ao detectar 42 novos positivos nun día -tres máis que o anterior-, mentres que a de Pontevedra-O Salnés se mantén con 55, exactamente os mesmos que os notificados este sábado.

Pola contra, descenderon os contaxios nas catro áreas restantes. En concreto, na Coruña-Cee rexistraron 63 positivos (-10); en Lugo-A Mariña-Monforte, 30 (-31); en Ferrol, 17 (-19 menos); e en Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, 12 (-5), o que sitúa a esta área en números de principios de setembro.

Volven baixar as PCR

A web de Sanidade tamén reflicte que até o momento se realizaron na Galiza un total de 894.592 PCR. Isto significa que nas últimas 24 horas se levaron a cabo un total de 6.913 probas, un lixeiro descenso de menos dun centenar con respecto á xornada anterior.

A taxa de positividade volveu baixar unhas décimas con respecto á notificada o sábado, até 5%, polo que Galicia sitúase xusto no limiar que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Por baixo desta taxa de positividade se colocan tres áreas sanitarias, concretamente Ourense (1,2%), Ferrol (2,1%) e Lugo (3,7%); mentres que por enriba están A Coruña (5,5%), Santiago (5,5%), Vigo (5,9%) e Pontevedra (7,3%).

Menos de 8.000 casos activos

En canto aos casos activos -persoas que aínda están diagnosticadas da enfermidade-, volveron caer en 307 e baixan da barreira dos 8.000. Máis concretamente, este domingo hai 7.904 pacientes de covid-19 en Galicia, a cifra máis baixa desde o 27 de outubro, fai máis dun mes.

De feito, a caída é practicamente uniforme en todas as áreas sanitarias. Á cabeza da cifra de casos activos segue estando a de Vigo, con 2.099, aínda que supón caer en 69 con respecto ao sábado. Segue a esta A Coruña-Cee, con 1.675 doentes Covid, 22 menos que hai un día; e Pontevedra-O Salnés, con 1.136, un descenso de 31.

Por baixo do milleiro de casos activos están Lugo-A Mariña-Monforte, con 967 (-98); Santiago-Barbanza, con 866 (-32); Ferrol, con 688 (-18); e Ourense-Verín-O Barco, que se consolida como a actual área menos afectada con 473 pacientes de coronavirus (-34).

Curados e falecidos

Sanidade tamén informa de que desde o principio da pandemia diagnosticáronse de Covid-19 na Galiza a un total de 51.951 persoas, das que 42.856 curaron -648 nas últimas 24 horas-.

No entanto, tamén continúa subindo a cifra de mortos que deixa a crise sanitaria na Comunidade galega, que ascende a 1.193 tras as dúas novas vítimas notificadas este sábado.

UCI

O número de persoas ingresadas nas unidades de críticos dos hospitais galegos sitúase este domingo en 81, a cifra máis baixa desde o 5 novembro, o día anterior ao endurecemento das medidas restritivas nuns 60 municipios da Comunidade galega.

Así figura no balance diario que ofrece a Consellería de Sanidade con datos recollidos até as 18 horas do sábado, momento no que había un total 469 hospitalizados nos centros hospitalarios do sete áreas sanitarias de Galicia.

Deste xeito, a cifra global de ingresados non presenta cambios respecto ao balance do día anterior, aínda que si hai novidades no número de pacientes en UCI, que baixan en catro até alcanzar a menor cifra en máis de tres semanas.

Así as cousas, mantense a tendencia á relaxación da presión hospitalaria que presentan as áreas sanitarias galegas ao longo da última semana. Fai sete días, o domingo 22 de novembro, había nos hospitais galegos un total de 539 persoas ingresadas con diagnóstico de coronavirus: 439 en planta e 100 en críticos.

Unha semana despois son 388 as persoas ingresadas nas unidades de hospitalización convencional e 81 en coidados intensivos, segundo reflicte o balance deste domingo.