Coronavirus Galiza: caen os casos activos a 36.105 e hai dez hospitalizacións menos

Un sanitario realiza un test PCR a un cidadán (Foto: Europa Press).
Os novos contaxios de Covid-19 volven aumentar tras varios días en descenso até os 2.299, que supoñen 647 máis que no inicio desta semana.

Segundo os datos actualizados pola Consellaría de Sanidade esta terza feira, con rexistros até as 18 horas da segunda, baixan a 42 as persoas hospitalizadas pola Covid-19 en UCI na Galiza (-2) e descenden a 611 as ingresadas noutras unidades convencionais (-8), mentres que 35.452 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio. Hai unha semana había 701 hospitalizacións.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en cinco das sete —A Coruña-Cee, Vigo, Compostela-O Barbanza, Ourense-Verín-O Barco e Ferrol—, mentres que aumenta nas de Pontevedra-O Salnés e Lugo-A Mariña-Monforte. No caso da de Pontevedra aumentan a seis os pacientes Covid en UCI (+1) e a 101 os ingresados noutras unidades (+12); mentres que na de Lugo, aínda que descenden a tres o críticos (-1), soben a 61 os hospitalizados noutras unidades (+3).

Pola súa parte, en Vigo mantéñense oito pacientes ingresados en UCI e descenden a 74 os ingresados noutras unidades (-4); e en Ourense caen a cinco o críticos (-1) e a 106 os hospitalizados noutras unidades (-6). Na Coruña baixan a 12 os pacientes Covid en UCI (-1) e a 156 os ingresados noutras unidades(-4), e en Compostela seguen sete en críticos e descenden a 77 os hospitalizados noutras unidades (-6). Tamén na área de Ferrol continúa un paciente ingresado pola Covid-19 en UCI e caen a 36 os hospitalizados noutras unidades (-3).

Casos en descenso

Os casos activos de Covid manteñen a tendencia descendente nesta sexta vaga e baixan a 36.105, que representan 2.535 menos que na xornada anterior, ao haber máis altas (4.822) que contaxios (2.299), ao que se engaden 13 falecementos. A pasada terza feira había 51.561 infeccións activas.

De novo, os casos activos redúcense nas sete áreas sanitarias, coa de Vigo á cabeza (-777), seguida da da Coruña (-532), Compostela (-515), Pontevedra (-257), Lugo (-227), Ourense (-191) e Ferrol (-67). Así, con máis casos activos sitúase a área da Coruña, con 7.952, seguida de Vigo, con 7.872; Compostela, con 6.307; Pontevedra, con 4.063; Ourense, con 3.844; Lugo, con 3.817, e Ferrol, con 1.843.

Segundo o último informe actualizado esta segunda feira polo Ministerio de Sanidade, 14 de febreiro, a incidencia acumulada a 14 días no país descende a 1.870, mentres que a media estatal fica en 1.244.

Medran os novos contaxios

Polo seu lado, os novos contaxios aumentan a 2.299, que implican 647 máis que os 1.652 cos que se iniciou esta semana, após varios días en descenso. Hai unha semana detectáranse 4.043.

Na xornada pasada realizáronse outras 3.686 PCR que elevan a 3.644.291 as probas feitas desde o inicio da pandemia e 4.044 test de antíxenos, que suman 1.482.027 no conxunto do país, o que constitúe 7.730 entre ambas, 1.788 máis que as feitas o día anterior.

A taxa de positividade —número de PCR positivas por cada cen realizadas— descende a 12,6%, tras comezar esta semana en 14,3%, polo que segue por riba do limiar de 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

Persoas falecidas e curadas

As persoas falecidas pola Covid-19 desde o inicio da pandemia ascenden na Galiza a 3.051, após notificar Sanidade esta terza feira outras 13 vítimas, todas elas con patoloxías previas. Fronte a iso, curáronse da Covid-19 desde o inicio desta pandemia 436.603 persoas, tras recibir o alta 4.822 na última xornada en todo o país.