Coronavirus Galiza: soben a 20.984 os casos activos e repuntan levemente as hospitalizacións

A fin da máscara nos patios dos colexios decretarase nos vindeiros días (Foto: Marta Fernández / Europa Press).
A Galiza segue por terceira xornada consecutiva por riba dos 2.000 novos contaxios de Covid-19 tras repuntar a 2.153 esta sexta feira, que supoñen 78 máis que na xornada anterior, mentres as persoas hospitalizadas ascenden a 386 (dez máis).

Segundo os datos actualizados esta sexta feira pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas da quinta, descenden a 24 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 na Galiza (dúas menos que na xornada anterior), pero aumentan a 362 as hospitalizadas en unidades convencionais (+12), mentres 20.598 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en dúas das sete: A Coruña-Cee e Vigo; mentres aumenta nas outras cinco: Ourense-Verín-O Barco, Compostela-O Barbanza, Lugo-A Mariña-Monforte, Ferrol e Pontevedra-O Salnés.

En concreto, na da Coruña descenden a nove os pacientes Covid en UCI (-1) e a 71 os ingresados noutras unidades (-4), mentres a de Vigo queda sen hospitalizados en críticos (-1), a única do país actualmente, e rexistra 54 noutras unidades(-1). Pola contra, na área de Ourense ascenden a seis os ingresados en UCI pola Covid (+1) e a 55 os doutras unidades (+2), mentres na de Compostela continúan seis en críticos e increméntanse a 63 os doutras unidades (+5).

No caso da de Pontevedra fica un paciente Covid en UCI e aumentan a 46 os hospitalizados noutras unidades (+4), mentres que na de Lugo segue un en críticos e soben a 39 os ingresados noutras unidades. E na área de Ferrol, aínda que descende a un a cifra de pacientes ingresados pola Covid en UCI (-1), aumentan a 34 os hospitalizados en unidades convencionais (+3).

Case 21.000 casos activos

Pola súa parte, os casos activos de Covid-19 ascenden a 20.984, que supoñen 857 máis que a xornada anterior, ao haber de novo máis contaxios (2.153) que altas (1.293), ao que se suman varios falecementos.

O aumento das infeccións activas é xeneralizado en todas as áreas sanitarias galegas, coa de Vigo á fronte (+215), seguida de Compostela (+177), Ferrol (+134), A Coruña (+88), Lugo (+86), Ourense (+76) e Pontevedra (+75). Así, con máis infeccións activas segue a área da Coruña, con 4.422; seguida de Vigo, con 3.817; Compostela, con 3.369; Ourense, con 2.758; Lugo, con 2.533; Pontevedra, con 2.212, e Ferrol, con 1.773.

Segundo o último informe actualizado polo Ministerio de Sanidade esta pasada terza feira, 15 de marzo, a incidencia acumulada a 14 días na Galiza sitúase en 883,57 casos por 100.000 habitantes, mentres que a media estatal está en 432,37.

Repuntan os novos contaxios

Por terceira xornada consecutiva os novos contaxios superan os 2.000 ao detectarse 2.153, que constitúen 78 máis que os 2.075 da quinta feira, tras os 2.083 da cuarta e os 1.918 da terza.

Na xornada desta quinta feira realizáronse 2.923 PCR, o que eleva a 3.749.967 as probas deste tipo feitas desde o inicio desta pandemia no paísa, e 3.734 test de antíxenos, que sitúan en 1.579.317 os feitos até o momento, o que supón 6.657 entre ambas as dúas.

No que atinxe á taxa de positividade —número de PCR positivas por cada cen realizadas— descendeu lixeiramente a 13,77%, após subir a 14,28% na quinta feira, polo que fica por riba do limiar de 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

Persoas falecidas e curadas

As persoas falecidas pola Covid-19 desde o inicio desta pandemia ascenden a 3.169 logo de notificar Sanidade outras catro vítimas, todas elas con patoloxías previas. En concreto, o pasado 15 de marzo faleceu unha muller de 89 anos na área sanitaria de Lugo e outra de 64 na de Vigo; mentres que o día 16 morreu outra de 83 anos na de Ferrol e un home de 73 na de Vigo.

Polo seu lado, 503.829 persoas curáronse da Covid-19 desde o inicio desta crise sanitaria, despois de recibir a alta outras 1.293 nas últimas xornadas en todo o país.