Coronavirus Galiza: as hospitalizacións seguen en descenso e os casos activos soben lixeiramente a 19.483

A taxa de positividade fica en 10,3% (Foto: Europa Press).
Os novos contaxios de Covid-19 repuntan a 1.918 no conxunto da Galiza, mentres que os pacientes hospitalizados descenden a 378.

Segundo os datos actualizados esta terza feira pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas da segunda, descenden a 26 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 na Galiza (unha menos que o día anterior) e a 352 as hospitalizadas en unidades convencionais (-2), mentres que 19.105 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en tres das sete: Ourense-Verín-O Barco, Ferrol e Compostela-O Barbanza; mantense na de Pontevedra-O Salnés, e aumenta nas outras tres: A Coruña-Cee, Vigo e Lugo-A Mariña-Monforte.

No caso concreto da área de Ourense fican seis pacientes Covid en UCI, mentres descenden a 56 os ingresados noutras unidades (-8); e na de Ferrol mantéñense dúas en críticos e caen a 28 os hospitalizados en planta (-7). E na área de Compostela descenden a seis as persoas ingresadas pola Covid-19 en UCI (-1) e baixan a 58 os hospitalizados noutras unidades (-2). Na área de Pontevedra caen a dúas as persoas doentes en críticos (-1), pero soben a 45 os ingresados noutras unidades (+1).

Pola contra, na área de Vigo, aínda que segue un paciente en UCI pola Covid, aumentan a 50 os ingresados noutras unidades (+9), e na da Coruña continúan oito en críticos, pero soben a 77 os doutras unidades (+5). E na área sanitaria de Lugo, que levaba varios días sen pacientes en UCI pola Covid, hai un, mentres que se manteñen 38 hospitalizados noutras unidades.

Medran os casos

Tras comezar esta semana cun descenso dos casos activos, recupérase a tendencia ascendente da semana anterior, ao situarse en 19.483, que implican 21 máis que esta segunda feira, ao haber máis contaxios (1.918) que altas (1.894), ao que se engaden catro falecementos.

As infeccións activas ascenden lixeiramente en catro das sete áreas sanitarias: Ferrol (+66), A Coruña (+47), Vigo (+28) e Lugo (+25); mentres que descenden nas outras tres: Pontevedra (-69), Compostela (-42) e Ourense (-33). Por tanto, con máis infeccións activas continúa a área da Coruña, con 4.144; seguida de Vigo, con 3.394; Compostela, con 3.105; Ourense, con 2.802; Lugo, con 2.372; Pontevedra, con 2.138, e Ferrol, con 1.445.

Segundo o último informe actualizado polo Ministerio de Sanidade esta pasada sexta feira 11 de marzo, a incidencia acumulada a 14 días na Galiza sitúase en 802,7 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que a media estatal está en 430,1.

Repunta de novos contaxios

Os novos contaxios de Covid-19 repuntaron a 1.918 esta terza feira, após comezar esta semana con pouco máis dun milleiro no conxunto do país. Na xornada desta segunda feira practicáronse 2.019 PCR, o que sitúa en 3.740.047 as probas deste tipo feitas desde o inicio desta pandemia, e 3.837 test de antíxenos, que elevan a 1.571.655 os levados a cabo na Galiza, o que supón 5.856 entre ambas as dúas.

En canto á taxa de positividade —número de PCR positivas por cada 100 realizadas— aumentou a 10,28% após iniciar esta semana en 8,33%. Así, mantense por riba do limiar de 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

Persoas falecidas e curadas

Pola súa parte, as persoas falecidas pola Covid-19 desde o inicio desta pandemia aumentan a 3.157, logo de notificar Sanidade outras catro vítimas, todas elas con patoloxías previas. En concreto, Sanidade informou esta terza feira do falecemento de catro persoas o pasado 11 de marzo: dúas mulleres de 79 e 92 anos na área sanitaria de Vigo e outras de 93 anos na de Compostela e O Barbanza.

A cuarta vítima notificada corresponde ao pasado 12 de marzo, un home de 76 anos de idade falecido na área sanitaria de Vigo, segundo a información facilitada por Sanidade.

Polo seu lado, 499.030 persoas curáronse da Covid-19 desde o inicio desta crise sanitaria, após recibir o alta outras 1.894 nas última xornadas en toda a Galiza.