Coronavirus Galiza: a presión hospitalaria descende en cinco das sete áreas sanitarias

Unha peregrina amosa o seu certificado Covid nun albergue (Foto: Salomé Montes / Europa Press).
Os casos activos de Covid-19 seguen en descenso no conxunto da Galiza até os 33.355, que implican 784 menos que na xornada previa, así como os pacientes hospitalizados por este coronavirus, que baixan a 598 (26 menos).

Segundo os datos actualizados pola Consellaría de Sanidade esta quinta feira, con rexistros até as 18 horas desta cuarta, baixan a 36 as persoas hospitalizadas pola Covid-19 en UCI na Galiza (unha menos que o día anterior) e a 562 as ingresadas noutras unidades convencionais (-25), mentres que 32.757 pacientes están en seguimento no seu domicilio. Hai unha semana había 682 hospitalizados.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en cinco das sete: A Coruña-Cee, Ourense-Verín-O Barco, Vigo, Compostela-O Barbanza e Pontevedra-O Salnés; aumenta na de Lugo-A Mariña-Monforte e mantense sen cambios na de Ferrol.

No caso da área da Coruña, aínda que aumentan a 12 os pacientes Covid en UCI (+3), descenden a 136 os ingresados noutras unidades (-13); mentres que na de Ourense mantéñense cinco en críticos e baixan a 89 os hospitalizados noutras unidades (-4). Na área de Vigo redúcense a seis os pacientes Covid en UCI (-3) e a 74 os ingresados noutras unidades (-2); e na de Pontevedra caen a catro o críticos (-1) e a 88 os hospitalizados noutras unidades (-5). E na de Compostela descenden a seis as persoas ingresadas pola Covid en UCI (-1) e baixan a 88 as hospitalizadas noutras unidades (-2).

Pola súa parte, na área de Lugo aumentan a dúas os pacientes Covid en UCI (+1) e a 50 os ingresados noutras unidades de hospitalización (+1). Mentres, na de Ferrol segue un en críticos e 37 noutras unidades, sen cambios.

Menos casos activos

Os casos activos no conxunto do país seguen en descenso no marco desta sexta vaga e sitúanse en 33.355, que constitúen 784 menos, ao haber de novo máis altas (3.234) que contaxios (2.455), ao que se suman varios falecidos. A pasada quinta feira había 49.182 infeccións activas.

Con todo, a tendencia descendente non se mantén nas sete áreas sanitarias, xa que nas de Ourense (+59) e Lugo (+10) aumentan lixeiramente e nas outras cinco redúcense, coa de Vigo á cabeza (-311), seguida da Coruña (-273), Compostela (-159), Pontevedra (-86) e Ferrol (-23). Deste modo, con máis casos activos continúa a área da Coruña, con 7.284; seguida de Vigo, con 7.025; Compostela, con 5.871; Pontevedra, con 3.732; Ourense, con 3.707; Lugo, con 3.611, e Ferrol, con 1.728.

Segundo o último informe actualizado esta cuarta feira polo Ministerio de Sanidade, a incidencia acumulada a 14 días na Galiza descende de novo até os 1.682 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que a media estatal baixa a 1.060.

Contaxios estabilizados

Polo seu lado, os novos contaxios de Covid-19 mantéñense por segunda xornada consecutiva na contorna dos 2.400, con 2.455, que supoñen 19 máis que os 2.436 da cuarta feira, após rexistrarse 2.299 na terza e comezar esta semana con 1.652. Con todo, superan os 4.006 detectados unha semana atrás.

Na xornada desta cuarta feira realizáronse outras 5.336 PCR que elevan a 3.654.731 as probas feitas desde o inicio da pandemia e 4.133 test de antíxenos, que suman 1.490.630 na Galiza, o que supón 9.469 entre ambas, 105 menos que as feitas o día anterior.

A taxa de positividade —número de PCR positivas por cada cen realizadas— aumenta de novo a 16,1%, tras situarse en 13,1% na cuarta feira despois de baixar a 12,6% na terza e comezar esta semana en 14,3%, polo que segue por riba do limiar de 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

Persoas falecidas e curadas

No que atinxe ás persoas falecidas pola Covid-19 desde o inicio da pandemia, ascenden na Galiza a 3.061, após notificar Sanidade outras cinco vítimas, todas con patoloxías previas. En concreto, os cinco óbitos notificados rexistráronse na terza feira 15 de febreiro; tres deles na área sanitaria da Coruña-Cee: dous homes de 92 e 82 anos de idade e unha muller de 81; mentres que na de Ourense-Verín-O Barco morreu un home de 86 anos e na de Pontevedra-O Salnés faleceu outro home de 89 anos.

Mentres, curáronse da Covid-19 desde o inicio desta crise sanitaria 444.235 persoas, logo de recibiren a alta 3.234 na última xornada no país.