Sanidade propón evitar as corentenas entre contactos estreitos en Infantil e Primaria

Unha escola infantil nunha imaxe de arquivo. (Foto: CIG)
O documento do ministerio titulado "Guía de actuación ante a aparición de casos da Covid-19 en centros educativos", con data do 30 de decembro de 2021, tamén insta a considerar brote a 3 ou máis casos nos centros educativos.

O Ministerio de Sanidade, que dirixe Carolina Darias, tería entre os seus plans de actuación fronte á Covid-19 a eliminación das corentenas entre os contactos estreitos dun positivo polo virus na Educación Infantil e Primaria.

Así se extrae do texto "Guía de actuación ante a aparición de casos da Covid-19 en centros educativos", que ten data do pasado 30 de decembro, onde tamén se propón ampliar a consideración de brotes de coronavirus aqueles que afecten a tres ou máis persoas nos colexios e institutos.

O documento inclúe algúns cambios en relación aos protocolos que teñen vixencia até o de agora, pero desde o Goberno do Estado español aseguran que non afecta á reunión multilateral que vai decorrer esta terza feira, 4 de xaneiro, para decidir se hai que adiar o regreso ás aulas após o Nadal.

De feito, as mesmas fontes explicaron que os termos que recolle o documento van ser tratados de forma conxunta máis adiante.

Outras cuestións a analizar

Atendendo ao escrito, a aposta do departamento de Darias é que non se tomarán accións en relación a casos sospeitosos do virus dentro das escolas e institutos até que non se obteña resultado positivo nunha proba diagnóstica.

Así, "a actividade docente continuará de forma normal, extremando as medidas de prevención e hixiene" até contar co resultado definitivo do caso sospeitoso da epidemia.

Doutra banda, evitarán as corentenas todos os contactos estreitos de Educación Infantil e todos os contactos estreitos tanto dos grupos de convivencia estábel (GCE) como dos grupos non organizados como GCE de Primaria, independentemente de xa recibiron a vacina ou non.

"Dentro do colexio recomendaráselles evitar o contacto con persoas vulnerables. Indicaráselles o uso de máscara cirúrxica nas súas interaccións sociais, non acudir a eventos multitudinarios e limitar os contactos. Así mesmo, recoméndase realizar unha vixilancia da posíbel aparición de síntomas compatíbeis", recolle o texto.