Coronavirus na Galiza: volve subir a presión hospitalaria

Imaxe de arquivo de doutoras tratando a unha persoa por Covid-19. (Foto: Patricio Murphy / ZUMA Wire / Dpa)
A boa nova é que os casos activos volven baixar e sitúanse en 17.289.

Galiza mantén os contaxios de Covid-19 por encima do milleiro por quinto día consecutivo -após iniciar esta semana por debaixo- e volven subir até os 1.019, mentres que os casos activos descenden a 17.289. Por contra, os pacientes hospitalizados ascenden a 316 -sete máis- e a taxa de positividade volve medrar e supera 13%, após descender a pasada xornada até 11,41%.

Segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade, as persoas ingresadas pola Covid-19 en UCI ascenden a 55 -unha máis- e os hospitalizados noutras unidades aumentan até o 261 -seis máis-.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende en catro do sete –Lugo/A Mariña-Monforte de Lemos, Pontevedra-O Salnés, Ferrol e Vigo-, mentres sobe na Coruña-Cee, Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras e Santiago de Compostela e Barbanza.

Menos casos activos

Os casos activos volven baixar e sitúanse en 17.289, que representan 453 menos, ao haber máis altas (1.469) que contaxios (1.019), ao que se engaden tres falecementos.

Por áreas sanitarias, os casos activos descenden en todas as áreas menos na da Coruña, onde soben en 45. Nas restantes, a de Ourense contabiliza 89 infeccións activas menos; a de Pontevedra, -145; a de Ferrol, -43; a de Santiago, -80; a de Lugo, -99; e a de Vigo, -42.

Así, con máis infeccións activas sitúase a área da Coruña e Cee, con 4.571; seguida da Vigo, con 4.275; Pontevedra e O Salnés, con 2.186; Lugo, con 2.015; Santiago e Barbanza, con 1.919; Ourense, con 1.312; e Ferrol segue á cola con 1.011.

Máis de 1.000 contaxios

Os novos contaxios mantéñense por quinto día consecutivo por encima do milleiro en 1.019, que supoñen 12 máis que os 1.007 deste sábado, após arrincar a semana por baixo desa barreira por primeira vez desde o 20 de xullo con 939 e descender a 837 o martes.

Así, os contaxiados de Covid-19 desde o inicio da pandemia ascenden a 165.176 na Galiza, deles 38.686 na área da Coruña e Cee; 34.097 na de Vigo; 24.468 na de Santiago e Barbanza; 20.170 na de Ourense; 20.032 na de Pontevedra e O Salnés; 17.156 na de Lugo; e 10.567 na de Ferrol.

Falecidos e curados

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 na Galiza aumentan a 2.492, após notificar as autoridades sanitarias este sábado outro tres falecidos, todos con patoloxías previas.

En concreto, os tres falecementos dos que informou Sanidade producíronse no Hospital de Verín (un home de 95 anos e unha muller de 87). Tamén faleceu un home de 91 anos no Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP).

Pola súa banda, 145.424 pacientes curáronse de coronavirus na Galiza desde o inicio desta crise sanitaria, que constitúen 1.469 persoas máis que as contabilizadas até o día anterior.