Coronavirus na Galiza: soben os casos activos, baixan os novos contaxios

A taxa de positividade baixou até 1,79%. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Catro persoas máis foron hospitalizadas por Covid-19, pero a taxa de positividade baixa até 1,79%.

Galiza arranca a fin de semana cun incremento de casos activos de Covid-19, e alcanza os 512 -sete máis que o día anterior-, así como nos hospitalizados, que soben até 29, tamén catro máis. Con todo, baixan os novos contaxios, 37 -que supoñen 23 menos que onte- e a taxa de positividade tamén descende, no seu caso até 1,79%.

Segundo os datos feitos públicos no día de hoxe pola Consellería de Sanidade, con rexistros até as 18 horas desta pasada sexta feira soben a cinco as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 -tres máis-, e a 24 as que se atopan noutras unidades convencionais -dúas máis-.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria sobe nas da Coruña e Cee, que conta cun paciente Covid en UCI -na xornada anterior non tiña ningún-; na de Pontevedra e o Salnés, que está exactamente na mesma situación que a herculina; e na de Vigo, que tamén rexistra un crítico, aínda que conta cun doente menos en planta. Porén, non varía nas cinco áreas restantes.

Máis contaxios que altas, aínda que baixan os casos novos

En canto aos casos activos de coronavirus, estes seguen en aumento por sétima xornada consecutiva en toda Galiza, situándose en 512, que representan sete máis que a xornada pasada, pois hai máis contaxios (37) que altas (30). No estremo contrario da balanza sitúase o dato dos pasamentos, pois non se rexistrou ningunha morte nas últimas 24 horas.

Pola súa banda, os novos contaxios de Covid-19 baixan na Galiza a 37 desde os 60 da última xornada, que supuxeron 27 máis que os 33 da quinta feira.

Por tanto, as persoas contaxiadas no país desde o inicio desta pandemia aumentan a 183.189, das que 43.273 corresponden á área da Coruña e Cee; 37.781, á de Vigo; 27.079, á de Santiago e Barbanza; 21.868, á de Ourense; 21.510, á de Pontevedra e O Salnés; 20.009, á de Lugo; e 11.669 á de Ferrol.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 tests- baixou até 1,79% desde o 2,74 por cento marcado a xornada anterior, após caer a 0,95% na quinta feira. Isto significa que Galiza segue moi por debaixo do 5% que a OMS fixa como limiar para considerar controlada a pandemia.