Coronavirus Galiza: 48.273 casos activos, 360 deles nos hospitais

Varias persoas participan nun cribado masivo en Ourense (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
Segundo os últimos datos de Sanidade, hai 52 persoas na UCI nunha xornada con 2.532 novos contaxios e unha positividade de 24,7%.

Segundo o último informe publicado pola Consellaría de Sanidade, con datos consolidados ás 18 horas deste sábado, os casos activos da Covid-19 soben na Galiza até os 48.273 (2.300 máis que na xornada anterior).

Por áreas sanitarias, Vigo fica á cabeza con 11.831, seguida de Compostela-O Barbanza, con 9.140; A Coruña-Cee, con 8.646; Pontevedra-O Salnés, con 6.243; Ourense-Verín-O Barco, con 5.119; Lugo-A Mariña-Monforte, con 4.330, e Ferrol, con 2.964.

Do total de persoas doentes, 52 están na UCI (+2), 308 ingresadas en planta nos hospitais (+25) e as 47.913 restantes nos seus domicilios (+2.453), baixo seguimento das e dos profesionais sanitarios da Atención Primaria.

Aliás, nas últimas 24 horas detectáronse a través das probas diagnósticas de infección activa (PDIA) 2.532 novos positivos por coronavirus (-1.838).

A incidencia acumulada a 14 días na Galiza é de 1.408 casos por cada 100.000 habitantes, mentres a 7 días é de 973.

Na última xornada practicáronse 13.199 probas PCR (-2.000), cunha taxa de positividade de 24,7%, cinco veces superior ao limiar de 5% recomendado para controlar a transmisibilidade e un dato semellante ao do sábado, 25,5%.

Este sábado, 1 de xaneiro, non se administraron máis doses da vacina contra a Covid-19, polo que a cifra de persoas inmunizadas fica en 5.858.365.