Coronavirus Galiza: 77.236 casos activos e 6.638 novos contaxios

Unha persoa recibe a terceira dose da vacina contra a Covid-19 na Galiza (Foto: Beatriz Ciscar/Europa Press).

Pola contra, as persoas ingresadas nos hospitais por este coronavirus descenden a 588 (-20).

Segundo os datos actualizados na mañá desta quinta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas da cuarta feira, descenden a 49 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 na Galiza (seis menos que na xornada anterior) e a 539 as hospitalizadas noutras unidades (-14), mentres que 76.648 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio. Hai unha semana había 74 ingresados menos (514).

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en tres das sete áreas sanitarias: Vigo, Compostela- O Barbanza e Ferrol; mentres que aumenta lixeiramente nas da Coruña-Cee, Ourense-Verín-O Barco e Pontevedra-O Salnés, e mantense sen cambios na de Lugo-A Mariña-Monforte. Así, na área de Vigo descenden a sete os pacientes Covid en UCI (-3) e a 81 os ingresados noutras unidades (-19); mentres que na de Santiago e Barbanza seguen oito en críticos e caen a 81 os hospitalizados noutras unidades (-2). Na de Ferrol descenden a tres o críticos --un menos-- e seguen 34 noutras unidades; e na de Lugo mantéñense cinco pacientes Covid en UCI e 49 noutras unidades.

Polo seu lado, na área da Coruña e Cee aínda que descenden a 12 os críticos (-2), aumentan a 140 os ingresados noutras unidades (+4), mentres que na de Ourense seguen sete en UCI, pero soben a 78 os doutras unidades (+1). E na área de Pontevedra e O Salnés continúan sete pacientes Covid en UCI, pero aumentan a 76 os hospitalizados noutras unidades por este coronavirus (+2).

Casos activos en aumento

Os casos activos seguen en ascenso no conxunto da Galiza, aínda que descenderon lixeiramente en dúas das sete áreas sanitarias, ao situarse en 77.236, ao haber de novo máis contaxios (6.638) que altas (5.361), ao que se engaden varios falecementos. A respecto de hai unha semana, a cifra é relativamente maior, xa que a quinta feira 13 de xaneiro había 59.451 infeccións ao cambiarse desde esa xornada o sistema de altas.

Por áreas sanitarias, os casos activos descenden nas de Ourense (-46) e Ferrol (-2), mentres que aumentan nas outras cinco: A Coruña (+464), Compostela (+390), Pontevedra (+267), Lugo (+143) e Vigo (+59). Deste modo, con máis casos activos mantense a área sanitaria de Vigo, con 20.407; seguida da da Coruña, con 15.852; Compostela, con 11.755; Pontevedra, con 9.175; Ourense, con 8.183; Lugo, con 7.888; e á cola continúa a de Ferrol, con 3.976.

Segundo os últimos datos actualizados polo Ministerio de Sanidade este pasado 19 de xaneiro, a incidencia acumulada a 14 días descende de novo na Galiza a 3.355 casos por cada 100.000 habitantes, fronte aos 3.286 de media no Estado español (que tamén baixa).

Contaxios contidos

Pola súa banda, os novos contaxios de Covid-19 mantéñense nos 6.600 ao rexistrarse 6.638, que implican 19 máis que os 6.619 desta cuarta feira, após os 4.716 da terza feira e comezar esta semana con 4.916. Con todo, mantense por baixo dos 7.875 detectados hai unha semana, a quinta feira 13 de xaneiro.

Por tanto, a Galiza suma desde o inicio desta pandemia 358.495 contaxiados por coronavirus, dos que 83.327 corresponden á área de Vigo; 75.718, á da Coruña; 54.169, á de Compostela; 44.358, á de Ourense; 42.638, á de Pontevedra; 37.072, á de Lugo; e 21.213, á de Ferrol. En todo o país, nas últimas 24 horas realizáronse 6.870 PCR (+118), que eleva a 3.486.009 as realizadas desde o inicio da pandemia; e 9.428 tests de antíxenos (-400), que suman 1.324.631. Entre ambos os tipos constitúen 16.298, o que constitúe unhas 280 probas menos feitas que o día pasado.

En canto á taxa de positividade en PCR —número de infeccións detectadas cada 100 test—, aumenta de novo até 21,8%, após subir ao 18,7% na cuarta feira e descender na terza feira a 16,3%, despois de comezar esta semana en 18,28%. Deste xeito, segue por encima do limiar de 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Persoas falecidas e curadas

Pola súa banda, as persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia en toda a Galiza ascenden a 2.861, ao notificar Sanidade esta cuarta feira tres novas vítimas. Fronte a iso, 278.447 persoas diagnosticadas de coronavirus curáronse no país desde o comezo desta crise sanitaria, que representan 5.361 máis que as contabilizadas até o día pasado.