Coronavirus Galiza: seguen en descenso os casos activos e máis as hospitalizacións

Test de antíxenos da Covid (Foto: Jesús Hellín / Europa Press ).
Nas últimas horas rexistráronse 4.043 novos contaxios de Covid-19, aumentando en todas as áreas sanitarias en comparanza cos datos da segunda feira.

O número de pacientes ingresados con Covid en hospitais da Galiza descendeu nas últimas horas até as 701 persoas, das que 45 están en Unidades de Coidados Intensivos e 656 en camas convencionais, o que supón que hai tres enfermos menos en coidados críticos e 33 menos en planta. Todo iso a pesar de que repuntaron os contaxios novos, que volven situarse por riba dos 4.000 casos detectados.

Así se reflicte no informe publicado esta terza feira pola Consellaría de Sanidade, no que se reflicte que nas últimas horas rexistráronse 4.043 novos casos de Covid, o que supón uns 1.300 contaxios máis que os notificados na segunda feira. Na área sanitaria de Vigo rexistráronse nas últimas horas 892 contaxios novos; na de Compostela-O Barbanza, 785; na Coruña-Cee, 869; en Pontevedra-O Salnés, 439; en Lugo-A Mariña-Monforte, 426; en Ourense-Verín-O Barco, 421, e en Ferrol, 211.

Así as cousas, e descontadas as altas e falecementos, actualmente hai na Galiza 51.561 enfermos con Covid, 2.145 menos que hai un día, e os casos activos minguan en todas as áreas. A de Vigo ten 12.892 casos (832 menos); a da Coruña, 11.223 enfermos (373 menos); Compostela, 9.115 (275 menos); Pontevedra, 5.482 (249 menos); Lugo, 5.365 (208 menos); Ourense, 5.033 (152 menos), e Ferrol, 2.451 (56 menos).

Baixa a presión hospitalaria

Malia a repunta de contaxios, a ocupación nos hospitais galegos por enfermos con Covid descendeu, con 36 persoas ingresadas menos. Deste modo, permanecen hospitalizados 45 pacientes en Unidades de Coidados Intensivos e 656 en camas convencionais.

A respecto dos enfermos máis graves, as UCI da área da Coruña seguen sendo as que teñen maior ocupación, con 11 pacientes ingresados con Covid (tres menos). Na área de Lugo mantéñense 9 enfermos en coidados críticos; na área de Compostela hai 8 persoas en UCI (unha máis); na área de Vigo mantéñense 6 enfermos en UCI, os mesmos que na área de Pontevedra (onde baixou un); na área de Ourense seguen 4 pacientes en UCI; e na área de Ferrol mantense un enfermo en coidados críticos.

A respecto das probas diagnósticas, realizáronse máis de 3,6 millóns de probas PCR (4.748 nas últimas horas), 1,45 millóns de test de antíxenos (5.313 na última xornada) e 1,42 millóns doutros tipos de probas. Segundo informa esta terza feira o Sergas, a taxa de positividade das PCR (o número de contaxios confirmados por cada 100 probas realizadas) sitúase en 14,3%. A OMS fixa un límite de 5 % para dar por controlada a pandemia.

Vítimas mortais e altas

Desde o inicio da pandemia, recuperáronse da Covid 401.355 persoas na Galiza, das que 6.177 recibiron o alta epidemiolóxica nos últimos días. Por contra, faleceron co virus 2.987 persoas.