Coronavirus Galiza: soben os novos contaxios malia que a hospitalización segue en descenso

A taxa de positividade é de 18,1% (Foto: David Zorrakino / Europa Press).
O ritmo de contaxios de Covid volveu repuntar nas últimas horas na Galiza, onde hai esta cuarta feira 4.006 novas infeccións (811 máis que hai un día) e tamén se retarda a baixada de casos activos. Ademais, a presión hospitalaria mingua levemente, cun ingresado menos en UCI e once menos en planta.

Segundo os datos publicados pola Consellaría de Sanidade, con información actualizada até as 18 horas da cuarta feira, desde o inicio da pandemia contaxiáronse deste coronavirus 463.054 persoas, das que 4.006 foron confirmadas nas últimas horas.

Así, os novos contaxios creceron en todas as áreas sanitarias, coa da Coruña-Cee á cabeza, con 818 casos novos. Na área de Vigo detectáronse 792 contaxios; na área de Compostela-O Barbanza, 666; na de Pontevedra-O Salnés, 442; na de Ourense-Verín-O Barco, 437; na de Lugo-A Mariña-Monforte, 397, e na de Ferrol, 188s.

A suba dos contaxios influíu no ritmo de descenso de casos activos, que se retardou nas últimas horas, aínda que o total de persoas enfermas na Galiza segue sendo esta quinta feira levemente inferior ao día anterior. Segundo Sanidade, hai 49.182 casos activos de Covid no país, 194 menos que unha xornada atrás.

Por áreas, Vigo segue concentrando o maior número de afectados, con 11.834 (327 menos); na área da Coruña hai 10.738 casos activos (52 menos); na área de Compostela hai 8.819 casos (76 menos); na área de Lugo hai 5.030 infeccións activas (77 menos); e na área de Ferrol tamén baixaron levemente os casos totais, que se sitúan en 2.334 (11 menos). A única área sanitaria que rexistrou nas últimas horas un aumento do número global de enfermos foi Ourense, que ten 4.984 casos activos, 103 máis que hai un día.

A presión hospitalaria segue en descenso

A respecto da presión hospitalaria, na Galiza hai actualmente 47 persoas ingresadas en Unidades de Coidados Intensivos (unha menos que esta cuarta feira) e 635 persoas ingresadas en camas convencionais (-11).

O maior número de enfermos graves están ingresados nas áreas da Coruña e Vigo, con 10 (un menos) e 9 (tres máis) persoas respectivamente. Na área sanitaria de Compostela hai 7 enfermos con Covid en coidados críticos (sen cambios), os mesmos que na área de Lugo (2 menos). Na área sanitaria de Pontevedra seguen 6 pacientes en UCI, na área de Ourense baixaron de 6 a 5, e na área sanitaria de Ferrol seguen 3 enfermos en coidados críticos.

Probas diagnósticas, altas e falecementos

Sanidade confirmou o falecemento, nas últimas horas, doutras 7 persoas con Covid (co que o total de vítimas desde o inicio da pandemia elévase a 3.015). Trátase dun home de 66 anos que morreu o luns na área sanitaria de Vigo (co que, nesa xornada, confirmáronse até o de agora 18 decesos), e outros seis que morreron esta terza feira.

Mentres, 410.907 persoas curáronse da infección, das que 4.193 recibiron o alta epidemiolóxica nas últimas horas. Así mesmo, realizáronse até agora máis de 3,6 millóns de probas PCR (6.775 nas últimas horas), 1,46 millóns de test de antíxenos e 1,43 millóns doutro tipo de probas de detección do virus. O Sergas sitúa este xoves a taxa de positividade das probas PCR (o número de casos positivos por cada 100 probas realizadas) en 18,1%.