Coronavirus Galiza: baixan as camas ocupadas pola Covid e frea a suba das infeccións activas

Unha sanitaria nunha UCI. (Foto: Clara Margais / DPA)
Sanidade comunica o falecemento de seis persoas con Covid, que elevan o número total de vítimas a 3.151.

Os novos contaxios de Covid-19 mantéñense por baixo dos 2.000 e baixan lixeiramente até os 1.716 -146 menos que na xornada anterior-; con todo, os casos activos soben, cun ascenso máis contido que sitúa o número de infeccións en 19.915. 

Segundo os datos actualizados este sábado pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas da sexta feira descenden a 26 as persoas ingresadas en UCI pola Covid na Galiza -unha menos- e a 316 as hospitalizadas en unidades convencionais -sete menos-. Hai unha semana había 417 ingresados en todo o territorio, 30 deles en UCI.

Hospitalizacións

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en catro das sete, aumenta en dúas e varía en Santiago, que conta con 50 pacientes en planta -dúas máis- e sete en UCI -dúas menos-.

Polo que respecta aos incrementos, a da Coruña conta con sete pacientes Covid en UCI -dúas máis- e baixan a 75 os ingresados noutras unidades -un menos-; mentres que a de Ferrol mantense con tres pacientes en críticos -sen cambios- e soben a 32 os doutras unidades -dous máis-.

A presión asistencial baixa no resto. Na área de Pontevedra baixan a dúas as persoas en UCI -unha menos- e descenden a 42 os hospitalizados noutras unidades -dous menos-; na de Lugo baixan a 26 os doutras unidades -tres menos- e continúan sen pacientes Covid en UCI.

Na área de Vigo segue un ingresado en UCI -sen cambios- e descenden a 36 os doutras unidades -tres menos-. Na de Ourense continúan con seis hospitalizados en críticos -sen cambios-, pero baixan a 55 os ingresados en unidades convencionais -dúas menos-.

Frea a suba de infeccións activas

En canto aos casos activos de Covid mantense a tendencia ascendente por quinta xornada consecutiva en Galicia, polo que se sitúan en 19.915, 474 máis que o día anterior, con todo, o incremento modérase.

As infeccións activas ascenden en todas as áreas salvo na de Pontevedra, onde restan un caso. Así, con máis infeccións activas mantense a área da Coruña, con 4.073; seguida da de Vigo, con 3.587; Santiago, con 3.269; Ourense, con 2.898; Lugo, con 2.406, Pontevedra, con 2.326, e Ferrol, con 1.269.

Segundo o último informe actualizado polo Ministerio de Sanidade esta pasada sexta feira, a incidencia acumulada a 14 días en Galicia aumenta a 802,70 casos por 100.000 habitantes, mentres que a media estatal sobe, após varios días de baixada, a 430,10.

Contaxios

Os novos contaxios de Covid continúan por baixo dos 2.000 este sábado. Sanidade informa de  1.716 novos positivos no conxunto da Galiza.

A taxa de positividade -número de PCR positivas por cada 100 realizadas- descendeu até o 9,9%, por riba de 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

Falecementos

Desde o inicio da pandemia, as persoas falecidas con Covid-19 aumentan a 3.151 despois de notificar Sanidade outras seis vítimas, todas elas con patoloxías previas.