Coronavirus Galiza: a incidencia estabilízase e baixan as hospitalizacións

Test de antíxenos da Covid (Foto: Europa Press).
A Galiza rexistra 23.684 casos activos de Covid-19, só catro máis que a xornada anterior.

Segundo os datos actualizados este sábado pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas da sexta feira, soben a 24 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 na Galiza (dúas máis) e baixan a 415 as hospitalizadas en unidades convencionais (12 menos).

Por áreas sanitarias, na de Compostela-O Barbanza ascenden a seis os pacientes ingresados pola Covid en UCI (+1) e baixan a 79 noutras unidades(-1); mentres que na de Lugo-A Mariña-Monforte fican dous pacientes en críticos e descenden a 33 os hospitalizados noutras unidades.

Pola súa parte, na de Vigo seguen dous pacientes en UCI, pero soben a 66 os ingresados noutras unidades(+4); mentres que na de Ourense-Verín-O Barco seguen cinco pacientes en críticos e baixan en dous os ingresados noutras unidades, até 62.

A área de Ferrol continúa como a única do país sen pacientes Covid en UCI e segue con 43 noutras unidades; mentres que na da Coruña-Cee soben a sete os críticos (+2) e baixan a 89 os doutras unidades (-8).

E a área de Pontevedra-O Salnés mantense sen cambios a respecto da xornada anterior, con dous pacientes hospitalizados pola Covid en UCI e 43 noutras unidades.

Estabilidade na incidencia

A só dous días da entrada en vigor da nova estratexia de vixilancia e control da Covid-19 que suprime os illamentos aos positivos asintomáticos, a evolución dos casos activos fica estábel nesta xornada, con só catro máis en relación a esta sexta feira.

Aliás, a incidencia acumulada a 14 días da Covid-19 na Galiza volve aumentar e colócase con 969,34 casos por 100.000 habitantes, fronte aos 903,49 desta pasada terza feira, mentres que a porcentaxe de camas UCI reverte a tendencia e ascende a 2,28%. Así se desprende do informe actualizado esta sexta feira, 25 de marzo, polo Ministerio de Sanidade.

Máis de 2.000 contaxios

Desde o pasado 16 de marzo os novos contaxios superan no conxunto do país os 2.000 diarios, após rexistrar outros 2.109, 60 menos que os 2.169 desta sexta feira.

Deste modo, os positivos ascenden na Galiza a 544.285, dos cales 126.476 corresponden á área de Vigo; 113.779, á da Coruña; 86.002, á de Compostela; 65.710 á de Ourense; 62.553, á de Pontevedra; 57.611 á de Lugo, e 31.892, á de Ferrol.

Na xornada desta pasada sexta feira realizáronse algo máis de 2.000 PCR, o que sitúa en 3.771.847 as probas deste tipo feitas desde o inicio desta pandemia no país, e 2.654 test de antíxenos, que elevan a 1.608.132 os feitos até o momento.

Persoas falecidas e curadas

As persoas falecidas pola Covid-19 desde o inicio desta pandemia ascenden a 3.198 tras notificar Sanidade outras catro vítimas, todas con patoloxías previas.

Os catro óbitos rexistráronse o pasado 23 de marzo e un dos falecidos, un home que morreu na área sanitaria de Vigo, tiña 58 anos. Tamén perderon a vida outros tres pacientes con Covid: unha anciá de 102 anos, na área sanitaria de Compostela-O Barbanza; e na área sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte, un home de 84 e unha muller de 89 anos, segundo os datos trasladados por Sanidade.

Mentres, 517.459 persoas curáronse da Covid-19 desde o inicio desta crise sanitaria, após recibir a alta máis de 2.000 persoas na última xornada no conxunto da Galiza.