Coronavirus Galiza: caen os casos activos mentres a incidencia segue disparada entre a poboación maior de 60 anos

A taxa de positividade cae a 32,7%. (Foto: Nito)
Nas últimas horas detectáronse 852 novos contaxios de Covid-19.

As persoas hospitalizadas pola Covid-19 ascenden a 745, que supoñen 70 máis que na xornada do sábado, das cales 21 están na UCI. Pola súa parte, os casos activos descenden a 16.581, que implican uns 1.400 menos, e a taxa de positividade baixa a 32,7%.

Segundo os datos actualizados esta segunda feira pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas do domingo, ascenden a 21 as persoas hospitalizadas en UCI pola Covid-19 na Galiza (dúas máis) e a 724 as ingresadas en unidades convencionais (+68), mentres os 15.836 restantes fican en seguimento nos seus domicilios.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta en seis das sete e só baixa na de Ferrol, na que malia aumentaren a dous os pacientes Covid en UCI (+1), descenden a 71 os ingresados noutras unidades (-3). Na de Ourense-Verín-O Barco aumentan a tres os pacientes Covid en UCI (+1) e a 113 os ingresados noutras unidades(+18); mentres que na de Lugo-A Mariña-Monforte hai seis en críticos (-1) e 83 noutras unidades (+18).

Na área da Coruña-Cee hai tres ingresados pola Covid en UCI (sen cambios) e 177 noutras unidades (+8), mentres que na de Vigo mantéñense dous en críticos e soben a 88 os doutras unidades (+12). Pola súa parte, na área de Compostela-O Barbanza hai tres pacientes Covid en UCI (+1) e 96 noutras unidades (+10); mentres que na de Pontevedra-O Salnés fican dous en críticos e soben a 96 os doutras unidades (+5).

Caen os casos activos

Os casos activos cambian de tendencia e descenden no conxunto do país até os 16.581, que implican 1.406 menos que o sábado pasado, ao haber máis altas (3.443) que contaxios (2.039) nos últimos dous días, ao que se engaden dous falecementos.

O descenso é xeneralizado nas sete áreas sanitarias galegas, coa de Vigo á cabeza (-404), seguida da Coruña (-288), Lugo (-197), Pontevedra (-146), Compostela e Ferrol (-143 cada unha) e Ourense (-80). Por tanto, con máis infeccións activas segue a área da Coruña, con 3.189; seguida de Compostela, con 2.887; Lugo, con 2.527; Ourense, con 2.432; Vigo, con 2.411; Pontevedra, con 1.849, e á cola mantense a de Ferrol, con 1.267.

Segundo o último informe actualizado polo Ministerio de Sanidade esta pasada sexta feira, 29 de abril, adaptado ao novo sistema de vixilancia da Covid-19 centrado en poboación vulnerábel, a incidencia acumulada a 14 días na Galiza en maiores de 60 anos ascende a 1.199,41 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que a media estatal fica en 676,43.

Positividade de 32,7%

En canto aos novos contaxios de Covid-19, comeza esta semana con 852 novos casos abertos nas últimas 24 horas tras detectarse 2.039 desde o sábado. Co novo protocolo xa non se contabilizan os autotest positivos e non se fan probas de diagnose á poboación en xeral.

Esta pasada fin de semana leváronse a cabo 4.283 PCR no país, que incrementan a 3.855.257 as probas deste tipo feitas desde o inicio desta pandemia, e 3.504 test de antíxenos, que sitúan en 1.699.437 os feitos na Galiza, o que supón 7.787 entre ambas as dúas. Pola súa parte, a taxa de positividade —número de PCR positivas por cada cen realizadas— descende no inicio desta semana a 32,74% tras repuntar a 42% o pasado sábado. Así, mantense por riba do limiar de 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

3.345 persoas falecidas

As vítimas da pandemia pola Covid-19 na Galiza aumentan a 3.345, logo de notificar Sanidade outros dous falecementos de dúas persoas con patoloxías previas esta segunda feira En concreto, o pasado día 28 de abril morreu un home de 70 anos na área sanitaria da Coruña e Cee, e o día 29 outro home de 77 anos na mesma área. Mentres, 568.301 persoas curáronse da Covid-19 desde o inicio desta crise sanitaria, tras recibir a alta outras 3.443 desde o sábado no país.