Coronavirus: repunta de contaxios e aumento de casos activos

Cribados de Covid-19 (Europa Press)
A presión hospitalaria apenas variou.

Os novos contaxios de Covid-19 detectados aumentan até 223 ao chegar ao ecuador da primeira semana após decaer o domingo pasado o estado de alarma, mentres que os casos activos subiron a 3.052 despois de 5 xornadas consecutivas en descenso. Pola súa banda, os pacientes hospitalizados con este coronavirus ascenden a 191, un máis.

Segundo os datos actualizados na mañá desta cuarta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta terza feira, recollidos por Europa Press, os pacientes Covid ingresados descenden a 40, tres menos, mentres que os que permanecen noutras unidades de hospitalización ascenden a 151, catro máis.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende en catro de sete: Ourense, A Coruña e Cee, Lugo e Ferrol; mentres que sobe nas Vigo, Santiago e Barbanza e na de Pontevedra e O Salnés.

En canto aos casos activos de Covid, tras cinco xornadas consecutivas en descenso, aumentaron a 3.052, que supoñen 75 máis, ao chegar ao ecuador desta primeira semana sen estado de alarma. Iso débese a que houbo máis contaxios (223) que altas (147), ao que se engade unha persona falecida.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas ascenden na de Vigo (+63); Ferrol (+14); A Coruña e Cee (+12); Santiago e Barbanza (+8) e Pontevedra e O Salnés (+3). Pola súa banda, baixan nas de Lugo (-10) e Ourense (-15).

Con respecto aos novos contaxios de Covid-19 detectados con calquera tipo de proba repuntaron a 223 tras comezar a semana con 152 e descender a 121 esta terza feira, polo que implican 102 máis que a xornada anterior.

Do total de positivos, 209 foron confirmados por PCR nas últimas 24 horas, que implican 106 máis que o día anterior, dos cales 97 corresponden á área de Vigo; 25, á de Santiago e Barbanza; 24, á de Pontevedra e O Salnés; 23, á da Coruña e Cee; 19, á de Ferrol; 12, á de Ourense; e nove, á de Lugo.

Pola súa banda, a taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- ascendeu a un 2,4 %, tras caer a un 1,39% a xornada anterior e repuntar a un 2,3% no inicio desta semana. Así, segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

Galiza acumula desde o inicio da pandemia 2.395 persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19, após notificar esta terza feira a Consellería de Sanidade un novo óbito. En concreto, o último falecemento corresponde a unha muller de 88 anos que morreu no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e que presentaba patoloxías previas.