Coronavirus: suspenden as prácticas clínicas nos hospitais e centro sanitarios galegos

As universidades desbotan peches de centros e facultades, pero estudan este escenario nos seus plans de continxencia.

As prácticas clínicas do alumnado nos centros sanitarios e hospitais galegos quedarán suspendidas como medida de precaución ante a alerta sanitaria. Trátase dunha das medidas que recolle unha instrución que o Sergas fará público ao longo deste mércores con motivo do Covid-19, o coronavirus.

Os reitores da Coruña, Santiago e Vigo reuníronse esta terza feira cos responsábeis de Sanidade e Educación, Jesús Vázquez e Carmen Pomar, para coordinar actuacións e medidas ante a alerta sanitaria nas institucións académicas. Un dos temas que estaba sobre a mesa referíase á docencia clínica nos centros sanitarios, para adoptar un protocolo conxunto en todo o sistema universitario galego.

Aínda que nun primeiro momento as universidades galegas trasladaran que a intención era recolocar ao alumnado en áreas carentes de poboación de risco para evitar contaxios, finalmente decretarase a suspensión destas prácticas, como confirmou o propio Vázquez Almuiña.

As universidades permanecerán "atentas" ante a evolución da afectación do virus e tomarán as medidas preventivas necesarias, para ter "capacidade de resposta" ante os casos potenciais que poidan xurdir a maiores. "Estamos a preparar toda a universidade, toda a nosa capacidade de resposta. Ata agora non hai ningunha situación que faga preciso tomar medidas excepcionais", insistiu Abalde.

Estas medidas poderían pasar por peches de centros e suspensión da actividade académica, como contempla o plan de continxencia da institución coruñesa feito público leste mesmo mércores. A pesar diso, todo iso realizaríase en función da situación e sempre da man das recomendacións das autoridades e administracións sanitarias.