Os corpos dos tres galegos falecidos no naufraxio do 'Argos Xeorxia' chegarán á Galiza a vindeira semana

Familiares, veciños e amigos dun dos tripulantes falecidos do ‘Argos Xeorxia’, que era orixinario de Baiona, durante un minuto de silencio na praza do Concello da localidade. (Foto: PAVI vía Europa Press)
O pesqueiro naufragou fronte ás Illas Malvinas o pasado 23 de xullo.

Os corpos dos tres mariñeiros galegos falecidos no naufraxio do Argos Georgia chegarán á Galiza a vindeira segunda feira, tal e como avanzaron familiares das vítimas citadas pola axencia Europa Press. Espérase que os cadáveres aterren na Coruña a partir das 17 horas, nun voo procedente do Reino Unido con escala en Madrid.

Por agora aínda se descoñece se as autoridades do Estado español levarán a cabo algún tipo de acto ou recibimento, como foi o caso do afundimento da pesqueiro Vila de Pitanxo, cando o presidente do Goberno estatal , Pedro Sánchez, se desprazara até Santiago para recibir os tres sobreviventes e os corpos dos falecidos.

Todo iso despois de que o pesqueiro Argos Xeorxia naufragase fronte ás Illas Malvinas o pasado 23 de xullo, saldándose esta catástrofe con nove falecidos, 14 sobreviventes e catro desaparecidos.

Catro das persoas que salvaron a vida eran galegos, mentres outro continúa desaparecido e tres dos corpos rescatados eran de residentes na Galiza. Precisamente os restos mortais destes tres mariñeiros, de Vigo, Baiona e Noia, son os que chegarán á Galiza na segunda feira.