Cortaventos, picnics e sacos de durmir: as últimas polémicas deste verán co turismo na Galiza

A praia de Samil, esta segunda feira. (Foto: Concello de Vigo)
Proliferan as queixas contra as malas prácticas turísticas.

A Policía Local de Vigo advertiu esta segunda feira ás persoas usuarias da praia de Samil sobre a prohibición do uso de cortaventos e outros obxectos para delimitar o areal, ordenando a súa retirada, e lembrando que saltarse esta prohibición pode carrexar multas de entre 751 e 1.500 euros.

Así o confirmaron fontes do Goberno da cidade olívica, despois de que se fixeran virais imaxes da emblemática praia viguesa cheas deste tipo de dispositivos, e das protestas pola 'privatización' de zonas na area.

Estas mesmas fontes sinalaron que se optou por realizar un "operativo de información" por parte de axentes do 092, "ante a proliferación repentina" destes cortaventos. De feito, o alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, nunha intervención nun programa de TVE, matizou que esta situación "non é un costume da praia" e que este ano "é a primeira vez" que se están vendo cortaventos nesta cantidade. 

"Este fenómeno está circunscrito aquí (a Samil)", subliñou, antes de lembrar que "a normativa o prohibe" e trasladar a súa confianza en que o problema estará liquidado "en tres ou catro días".

Segundo apuntaron as fontes municipais, coa colaboración cidadá, na mañá desta segunda feira, a praia de Samil "quedou liberada de cortaventos", e o alcalde reiterou que, tras esta primeira intervención informativa por parte da Policía Local, "a partir de mañá [por hoxe] haberá multas" para quen incumpra a ordenanza, de 2021.

Durmindo na Quintana

Segundo denunciaron desde a conta en redes sociais 'Compostela Resiste', un grupo de turistas acamparon esta fin de semana con sacos de durmir nas escaleiras da praza de Pratarías, ao carón da Catedral de Santiago. "Isto non é un albergue. Isto, a miña cidade, non é un circo", reprendeu un cidadán que gravou a estas persoas mentres intentaban durmir na emblemática praza.

Tamén esta fin de semana, 'Compostela Resiste' denunciou a realización dun pícnic "a todo confort" por parte doutro grupo de turistas na estación intermodal de Santiago de Compostela no que non faltaba a mesa co seu mantel, as cadeiras, as neveiras e un variado menú. 

Estas situacións non son episodios illados. Tanto a capital como o resto da Galiza están sendo este verán protagonistas de comportamentos incívicos de turistas.