Cortes de tráfico na autovía A-6, sentido Madrid, polas obras dos viadutos do Castro

Varios camións cruzan a estrada anexa ao tramo do viaduto colapsado na A-6 en agosto de 2022. (Foto: Europa Press)
No viaduto de Portas (Caldas) permanecerá fechado un carril para realizar labores de mellora na calzada.

Esta segunda e terza feira o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel procederá a cortes no tráfico polas obras de reconstrución dos viadutos do Castro, situados na autovía A-6 na provincia de León, entre Pedrafita do Cebreiro (Os Ancares) e Vega de Valcarce (León). A calzada esquerda atópase en servizo desde decembro de 2023, cun único carril de circulación sentido Madrid.

Segundo informa o Goberno do estado, para completar os traballos de impermeabilización e asfaltado que se están levando a cabo entre os quilómetros 431 e 430 na devandita calzada, é necesario cambiar o tráfico á outra metade da vía, actualmente reservada para os traballos de obra, para o que se require previamente desprazar o sistema de contención provisional existente.

Para acometer estes traballos con garantías de seguridade para traballadores e usuarios da vía, engade, procederase a cortar o tráfico da calzada da A-6 sentido Madrid entre os quilómetros 432 e 422, desde as 22 até as 07, da noite desta segunda feira, día 16, á terza 17 de setembro.

O Ministerio apunta que estima unha duración dos traballos de catro xornadas, sempre en horario nocturno para minimizar as molestias aos usuarios, ao termo das cales se restituirá o tráfico sentido Madrid polo tronco da autovía. O itinerario alternativo para o tráfico sentido Madrid, explica, realizarase a través da N-6 e a A-6 entre os quilómetros 432 e 422 desta última.

Viaduto de Portas

O Ministerio tamén está a executar as obras de mellora no viaduto de Portas, situado no quilómetro 112 da autoestrada AP-9. Os traballos, que se centran na substitución dos aparellos de apoio e a supresión de xuntas intermedias en ambos os taboleiros do viaduto, realizaranse en horario nocturno.

Para iso, desde esta segunda feira, día 16, ao 31 de outubro, en sentido Santiago de Compostela, cortarase un carril permanentemente e en horario nocturno cortarase o outro carril –entre as 21 e as 7 horas–, polo que se habilitará un desvío á calzada contraria a través dos pasos de mediana situados nos quilómetros 113 e 111,900.

Ademais, desde o 4 de novembro ao 20 de decembro, en sentido Pontevedra, cortarase un carril permanentemente e en horario nocturno cortarase o outro carril –entre as 21 e as 7 horas–, polo que se habilitará un desvío á calzada contraria a través dos pasos de mediana situados nos quilómetros 111,900 e 113.

Así, no transcurso das obras permanecerá fechado un carril na zona do viaduto onde se estean desenvolvendo os labores de traballo, e en horario nocturno estabelecerase un desvío provisional por mediana para manter a circulación.

Durante a noite, mentres se executan os traballos, haberá dispoñíbel unha soa calzada da autoestrada para os dous sentidos de circulación e polo día restabelecerase o tráfico na calzada de traballo a un único carril, é dicir, haberá un carril cortado e tres carrís habilitados ao tráfico.