A Coruña continúa sen municipalizar os buses

Autobuses urbanos da Coruña das liñas 6 e 14 que se cruzan en Ronda de Outeiro

Na Coruña, despois de 30 anos de administración privada do transporte público de viaxeiros, abriuse unha oportunidade (hai agora un ano) de recuperar o servizo para a xestión directa do concello. A Compañía de Tranvías, centos de miles de euros de beneficios cada ano, resístese a que se dea por finalizada a concesión, e a Marea Atlántica esquece no caixón a súa listaxe de compromisos urxentes (este era un deles). O BNG teima e di que non faltarían cartos, que o que falta é vontade. Díaz Grandío, o concelleiro responsábel, cala. 

Pasaron dous anos e pico desde que a Marea Atlántica alzara o bastón de mando do goberno municipal da Coruña prometendo que ían recuperar as institucións para a xente. Prometendo recuperar a cidade para a xente. Mesmo recuperar as concesións de servizos municipais para a xente. 

 

Pasaron dous anos e pico e o billete de bus urbano segue custando igual, a mesma compañía privada segue recadando iguais beneficios, as liñas son as mesmas, as frecuencias e a resignación da xente, a mesma xente, seguen igual que antes.

 

O peor non é que o goberno municipal non teña sido quen de cumprir as promesas nin que o billete e o servizo sigan igual para lucro da Compañía de Tranvías a custa da xente. O peor é que a Consellaría de Mobilidade, a de Daniel Díaz Grandío, membro de Equo, un anexo na estrutura da Marea, renuncie xa a defender a súa xestión sen froitos. Non os houbo, cando menos, no que respecta ao eixo sobre o que pivota calquera política de mobilidade urbana: a xestión do transporte público de viaxeiros.

 

Hai uns días o BNG saíu na prensa cun rotundo balanzo da xestión de Díaz Grandío: “Cero metros de carril bus, cero metros de carril bici, cero liñas de autobús renovadas, cero prazas en aparcamentos disuasorios, os mesmos coches na Cidade Vella e a concesión á Compañía de Tranvías prorrogada”. O conselleiro non deu nin chío. Tampouco quixo comparecer nesta reportaxe.

 

Así que aquí o debate redúcese ao BNG intentando facer que a Marea Atlántica cumpra o seu propio programa e a Compañía de Tranvía intentando que o Concello cumpra o contrato asinado hai 31 anos.

 

A prórroga

 

En novembro de 2016, o BNG advertiu da posibilidade de iniciar o camiño para a remunicipalización do servizo de buses apelando a un regulamento europeo de 2007 que limitaba o vigor de calquera concesión municipal a trinta anos. O goberno declarou entón a caducidade da concesión, pero no mesmo acordo incluíu unha consulta á Comisión Europea sobre a aplicabilidade do regulamento e unha prórroga de dous anos á Compañía de Tranvías.

 

“A Compañía non comparte a interpretación establecida pola Asesoría Xurídica do Concello da Coruña do regulamento 1370/2007. Cremos que a interpretación correcta non foi aínda establecida oficialmente por ningunha autoridade europea e que o regulamento non é claro ao respecto, que a interpretación do Concello pode vulnerar os principios de seguridade xurídica da UE, e que non se corresponde co establecido noutros casos similares en Europa”, indica José Ignacio Prada Vázquez, director da Compañía de Tranvías de La Coruña, S.A. nunha resposta por escrito. A empresa expuxo un recurso de reposición que o concello rexeitou. E en xuño pasado iniciou un recurso contencioso-administrativo.

 

Por diferentes motivos, o BNG maniféstase tamén en contra da prórroga. “Entendemos que debe declararse a caducidade da concesión, pero non tería que térselle concedido prórroga algunha porque é un servizo público que a compañía está obrigada a seguir prestando. Igual que cando se declarou a caducidade neste concello da concesión para o servizo de axuda a domicilio”, lembra Avia Veira, representante nacionalista na Coruña.

 

Veira insiste en que Europa abre unha vía para a remunicipalización, que sen Montoro estrangulando aos concellos, existen fórmulas para asumir os custes, e que “é absolutamente necesario porque a Compañía de Tranvías demostrou a súa ineficacia para prestar un servizo digno” mentres se levaba cartos a moreas, “uns 25 millóns de euros desde o 2009”.

 

“A maioría dos beneficios obtidos son destinados a reservas”, responde Prada, “que garanten a capacidade de investimentos e da renovación da frota”. E relata algúns dos últimos investimentos: a compra de vehículos do modelo Cítaro (Mercedes-Benz) “cun sistema que minimiza as emisións de gases”, a adaptación da frota até conseguir un cento por cento de accesibilidade e “a renovación continua da nosa app para mellorar a información”.   

 

“Ningunha empresa privada se ten que beneficiar dunha necesidade de servizo público”, sosteñen no Bloque. “Se houbese unha xestión pública directa, pensaríase máis na calidade, nos horarios, nas liñas, no prezo e nas tarifas que en tirar rendementos para unha empresa”.

 

O plan e o prezo

 

O plan do goberno municipal pasa por facer un novo concurso que deixe en mans dunha empresa privada o servizo. Xa ten aprobada unha modificación orzamentaria para incluír 17.000 euros que custará a elaboración do novo prego. “Nin sequera estudaron a posibilidade de remunicipalizar”, láiase Avia Veira. “Así que todo ficará como esta e o concello non poderá facer nada sen que a empresa lle dea o visto bo, como pasa hoxe e por iso nada se muda”.

 

O plan do goberno parece encamiñarse a manter a concesión, e que sexa a mesma compañía -na práctica funciona coma un monopolio porque non hai outras empresas no país que poidan entrar en competencia- a que xestione o transporte a cambio dunha rebaixa do prezo do billete, o máis caro do país. “O prezo pódese revisar anualmente en función de que se actualicen os prezos da nosa estrutura de custes”, di a Compañía, “e o Concello ten liberdade de establecer as bonificación aos usuarios que considere oportunas”.

 

O que sucede, precisa o Bloque, é que o Concello “paga case 9 millóns ao ano, a cantidade contemplada no orzamento, para compensar ese desfase entre a tarifa xeral, o 1,30, e as bonificacións e descontos pola tarxeta”. Resultado, Tranvías sempre cobra 1,30 euros, vía directa ou vía compensación a través do orzamento municipal.

 

“Non é unha simple cuestión de prezo”, subliña Avia Veira, “do que se trata é de darlle unha volta á mobilidade na cidade, e iso pasa necesariamente por darlle unha volta ao transporte público. E tampouco é o mesmo que a recadación sexa pública, a que derive en beneficios privados”.

 

A Semana da Mobilidade, cuxa actividade máis relevante consistiu no corte de varios carrís da vía no Cantón Grande para aparcar uns autos e pasalos polo spray dos grafiteiros como unha advertencia aos autos de que algo novo vai a ocupar seu espazo… sen que se saiba moi ben o que, rematou e a vida e a circulación e os traslados seguen igual, con prórroga, pero o mesmo. 

 

Nota: as fotos que van inseridas no meio do texto, da autoría de E.D., son (1). Daniel Díaz Grandío, concelleiro de mobilidade do goberno local de A Coruña; (2). Avia Vieira, concelleira do BNG; (3). Autobuses urbanos das liñas 14 e 22 que circulan por Ronda de Outeiro.