A Coruña, pendente das medusas, mantén a prohibición de bañarse en varios areais da cidade

O Concello da Coruña chama a seguir as indicacións dos equipos de socorrismo. (Foto: Nós Diario).
A cor das bandeiras está a mudar en función da detección de medusas na auga ou perto da costa.

O Concello da Coruña mantén a bandeira vermella e a prohibición de baño nas praias de Orzán, O Matadoiro, Santo Amaro e praia do Areal, coñecida popularmente como As Lapas, pola presenza de medusas na auga.

A presenza de carabelas portuguesas obrigou a pasada terza feira a fechar ao baño as praias de Orzán, Riazor e O Matadoiro.

Tras este aviso, notificado polo departamento de Seguridade Cidadá, o Goberno local está a actualizar a información sobre a situación dos areais e as condicións nas que se pode ou non acceder á auga.

Bandeira vermella

Así, nas últimas horas o Concello informou de varios cambios que non afectan, de momento nin a Orzán nin ao Matadorio, onde continúa a bandeira vermella.

A estas dúas sumou a de Santo Amaro, onde tamén está prohibido o baño. En Oza ondea a bandeira verde, Riazor mantense baixo vixilancia con bandeira amarela, e nas Lapas, onde permanecía esa mesma cor, amarela, acaban de colgar o pano vermello "coa correspondente prohibición de baño pola presenza de medusas na auga", informa o Goberno da Coruña nas súas redes sociais.

A alcaldesa da cidade, Inés Rei, precisou tras a Xunta de Goberno, que se está a facer unha revisión da contorna "para comprobar se existen exemplares na auga e perto da costa".

En calquera caso e ante calquera cambio nas condicións dos areais, Seguridade Cidadá pide atender as indicacións do persoal de salvamento, que informará por megafonía ás persoas usuarias.