Asembleas veciñais fan propostas a incorporar aos orzamentos da cidade

A Coruña pide abrir a porta a unha participación de calidade

Asemblea coas veciñas e os veciños na Silva (A Coruña).

O proceso de orzamentos participativos que esta semana remata a primeira fase recolle a insatisfacción coa xestión do goberno, pero a veciñanza ve unha oportunidade e pide mellorar o mecanismo e ampliar o ámbito de decisión. Quen pechara esa porta?

-Hai que sacar un banco e cortar unha árbore aquí na praza.

-Cortar unha árbore?!

-Si, é que molesta na entrada do bar, e o banco tamén.

-Onde? Pode ser máis específico?

-Aquí ao lado, na praza onde se fai mercado os martes. Se quere achegámonos até aí?

-Logo.

No Centro Cívico dos Mallos celébrase esta segunda feira un dos últimos encontros con veciñas e veciños do proceso de orzamentos participativos da Coruña, a segunda edición, que este domingo pechará a fase de recollida telemática de propostas. Antonio, cunha máscara por mor dunha alerxia, é unha das doce persoas que acode ao encontro. Leva máis de 33 anos no barrio e trae as propostas escritas nunha folla. Pero non le. Ana, a facilitadora, é a que pon a cara pola administración local neste convite a participar, o primeiro chanzo da escaleira, a forma máis limitada de participación, din os teóricos. 

Ana di que logo, pero logo terá que perder o tempo en inscribir os veciños na web A porta aberta, e terá que transcribir a proposta de Antonio, que finalmente figura a nome de nelirodriguez, vai co código de gasto 454, no distrito 8 e explica: Quitar árbore e banco na praza da Sardiñeira. Os máis próximos á terraza do bar. Localización: praza da Sardiñeira.

A praza da Sardiñeira non figura no rueiro da cidade. Pero a árbore e o banco están aí. Diante mesmo da porta do bar Puerto Rico, na explanada onde mañá (na terza) farán feira os ilegais. Antonio non pode ser máis específico: sinala uns tocos de ferro na casa en ruínas xunto ao parque infantil (código 457), ás lumieiras, que dan pouca luz (código 449), e remata falando coa media ducia de veciños sentados nun banco longo, mais ben unha trabe deitada no chan. “Xa lle dixen que polo menos puxesen uns asentos e uns respaldos deses de madeira”. A proposta fica dentro dunha xenérica de urbanizar os arredores do centro cívico cunha suxestión: pode facerse en varias fases en función do orzamento dispoñíbel cada ano

En realidade, a proposta xeral tampouco partira de nelirodriguez, pero o veciño que a fixera veu para amosar o seu cabreo e marchou antes de poder inscribirse na web para participar. “O día 11 caeu unha señora aí onde os aparcadoiros. O que debiades facer cos 200.000 euros é urbanizar todo o entorno deste edificio e punto”, dille á facilitadora. E engade: “Eu non viña a pedir investimento, senón a que se parase a desinversión esa do campo de fútbol da Agrela, que ten bancadas, torres de iluminación e boa herba e dá moito servizo á xente de por aquí. Iso pagámolo nós e o público hai que mantelo”. 

-Síntoo, se non se trata dun investimento non ten cabida neste proceso.

O proceso

Para os orzamentos participativos, un dos mecanismos creados pola Marea Atlántica desde o goberno municipal para dar participación á veciñanza, está prevista este ano unha partida de 3 millóns de euros (un millón de investimento en proxectos de cidade, 200.000 euros para cada un dos dez distritos). O día 26 de abril empezou a fase de divulgación do proceso ao tempo que se puxo en marcha a web na que, previo rexistro, os veciños poden deixar as súas achegas. 

Esta fase conclúe o domingo despois de que un bus recorrese a diario os barrios facendo publicidade do proceso e os técnicos municipais e os contratados fixesen unha ducia de encontros coma o dos Mallos. Hai case cincocentas propostas. Máis de cen no apartado de cidade. Para o distrito 8, no que se inclúe o barrio dos Mallos, hai máis de cincuenta. Os veciños que se rexisten deberán votar as medidas nunha segunda fase. E despois os técnicos do Concello irán valorando as máis votadas para peneirar as que son viábeis.  

No 2016 a lista final foi de 21 propostas. As tres que recibiron máis apoios na votación definitiva foron a creación dunha aplicación de incidencias, a xestión a través do móbil da tarxeta Millenium (a dos buses e bibliotecas, entre outros servizos) e melloras nas liñas do transporte urbano. A web do Concello publicou a finais de abril unha nota informando de que o estado de execución das medidas pódese consultar en Internet. A creación dun parque biosaudábel na praza de Pablo Iglesias no Castrillón é a que se atopa en estado máis avanzado.

“É difícil explicar o que son os orzamentos participativos. Son experiencias novas. É normal que á xente lle custe familiarizarse. Hai que ir pouco a pouco”, di Rosa Muñiz, técnico de Cidadanía, cooperativa con experiencia en iniciativas deste tipo en Ferrol ou Compostela, e que este ano colabora na da Coruña. Rosa estivo a semana anterior facendo promoción do encontro nos Mallos. Co bus. E na terza feira encargarase de dirixir o da Silva, un barrio rural. “Este ano reforzouse a presenza na rúa e tamén o traballo de facilitar a participación a través da plataforma web. Os encontros teñen carácter informativo, de debate e para facilitar o acceso á plataforma”. 

“É difícil explicar o que son os orzamentos participativos. Son experiencias novas. É normal que á xente lle custe familiarizarse. Hai que ir pouco a pouco”, di Rosa Muñiz, técnico de Cidadanía

O procedemento limita as propostas a investimentos (“cousas que duren máis dun ano”, segundo explican as facilitadoras). “Saírnos do concepto investimento igual a mobiliario urbano é complicado”, indica Rosa, “a necesidade de arranxar unha beirarrúa ou de colocar unha luminaria son máis fáciles de ver, son máis reais. Pero nós temos que tratar de que a xente se poña na pel de outros e vexa que hai outras necesidades. Facer unha reflexión colectiva. É certo que ese tipo de necesidades é difícil materializalas no que entra dentro deste proceso”.

Tanto, que a catro días de que remate a fase de recollida de achegas no apartado de políticas para a cidade non hai unha soa medida nos epígrafes de emprego e mocidade.

“Pois ímolo pedindo”

-Hai que poñer un bus desde o barrio ao Hospital Abente e Lago e outro ao cemiterio.

-Síntoo, pero tampouco ten cabida…

É a quinta veciña en falar no encontro dos Mallos. A primeira pediu limpeza. Non entra. O segundo, unha varanda para o campo de Agrela. Si entra (código de gasto: 447). Mais o terreo xa foi recualificado en solo industrial. A terceira conta que no Centro Cívico roubaron a televisión e non puxeron outra, e que precisan tamén unha maquina de coser para o taller de costura. Tamén entra. Despois vai Antonio coa lista. E despois a da liña de bus. Que non é investimento, síntoo, señora.   

-Pois ímolo pedindo e xa veremos.

Unha rapaza descúlpase e inquire á facilitadora. “Non habería posibilidade a futuro de mellorar o proceso e poder facer propostas de todo?”. “Eu son técnica”, resposta Ana, “verémolo na fase de avaliación”. 

Ao día seguinte, Rosa Muñiz, ás portas do Centro Cívico da Silva, ofrece unha resposta máis precisa. “As ferramentas fanse a medida que se van usando e testando. Este ano hai unhas normas de xogo, pero formas de canalizar hai moitas. Hai outros procesos nos que se fan análises previos de necesidades para darlle máis peso a determinadas cuestións, por exemplo, propostas de xustiza social. Pero o fundamental é o tempo”.

O orzamento de 2017 tiña que estar pechado hai meses. Cunha moción de confianza ao alcalde polo medio, a participación da veciñanza inaugurouse en abril, dispón agora de tres semanas para a recollida de propostas e a decisión sobre a execución non chegará até setembro. “Foi todo como moi a correr e cando se engancha a xente é na fase de información; con tempo, podes traballala doutra maneira”.

As ferramentas fanse a medida que se van usando e testando. Este ano hai unhas normas de xogo, pero formas de canalizar hai moitas

Na Silva, a presenza de veciñas e veciños é máis numerosa. Chegan case aos trinta. Xente maior. Segundo os dados do Concello, o ano pasado foron 1.964 persoas as que participaron nas votacións, e tiñan unha media de idade en torno aos 35 anos. Polo visto esta semana, os máis novos abstivéronse nesta edición.

Rosa esfórzase en explicarlle ao auditorio o mecanismo. “Mire o que ten diante”, dille un veciño, “cre que podemos participar a través de Internet?”. Chámase Tonecho e ten présa. “Pódesme dicir a canto saímos por barrios para os 200.000 euros?”. Na Silva estaba convocada a veciñanza de cinco barrios e dous distritos, polo tanto, 400.000 euros. “Mellor sería que collérades os tres millóns e por sorteo decidir en que barrio actuar, así polo menos un quedaría arranxado”.

Segundo os dados do Concello, o ano pasado foron 1.964 persoas as que participaron nas votacións, e tiñan unha media de idade en torno aos 35 anos

A asemblea é tensa. Algunhas veciñas retan a Rosa. “Ninguén vai facer o que pides, hai dous meses xa viñestes, fixemos propostas e nin caso”. Os orzamentos participativos son un dos varios mecanismos da Porta Aberta, o plan que ordena todo o traballo da Concellaría de Participación. Houbo procesos para que os cidadáns debuxasen unha distribución en distritos. Está o Dillo Ti, visita mensual do goberno (enteiro) a un centro social para verse cos veciños. Gasto superfluo, di a oposición acotío. Propaganda, denuncia nos días exaltados.

O discurso contra o método callou en parte, pero a veciñanza tamén tira leccións da súa experiencia directa. Malia a todo, as asembleas están vivas. A xente empeza mostrando o seu descontento; despois a frustración; a continuación sinala as urxencias e remata poñendo o pé na porta e reclamando unha participación de maior calidade, real. 

Na Silva tómanse pequenas decisión respecto do mecanismo. En canto a facilitadora propón que a xente se divida por grupos, unha veciña di que non. “Doutra vez que fixemos grupiños pequenos había moitos que non se amañaban. Entón, se non tedes inconveniente, digo as propostas para todos e vedes se as apoiades ou non?”. Fala Beatriz, de pé, que trae unhas follas escritas e le.

Propostas de investimentos: arranxar as estradas (Silva-Cances, Silva-Bens e outras), mesmo hai unha que tapiou un veciño; arranxar os vellos camiños; poñer saneamento nalgunha zona que non ten; eliminar obstáculos para que poidan circular o camión dos bombeiros ou o do lixo; que o lixo se recolla a diario; sacar a herba da Pampa, especie invasora; limpar o parque e as fincas detrás dos edificios que non se remataron porque hai risco de incendio, “un día imos arder todos”, queixase un veciño; coidar do lavadoiro, o último que queda en toda a cidade. “Este barrio xa existía cando a Guerra da Independencia, despois foi un barrio obreiro e anarquista que sufriu a represión na Guerra Civil, hai uns anos tivemos o problema, gravísimo, do poboado de Penamoa e a droga. Non o deixen morrer”, remata Beatriz. Os veciños asenten.

-Non podemos esperar a setembro a que fagades cousas. Hai que limpar esas fincas porque se non, un día imos arder todos. 

-Non vos esquezades de nós, por favor. 

A lexitimación e a fachada

“A clave é que a xente vexa que as propostas se executan. Iso é o que lle daría a maior lexitimidade ao proceso. Pero as do ano pasado, polo retardo na aprobación dos orzamentos, non se están executando, inda que si se traballan internamente. En canto a xente vexa que o proceso se materializa, seguirá querendo máis. E hai outra cuestión importante, as dinámicas que se crean entre veciños, xente que se involucra. Iso tamén é positivo”, reflexiona Rosa.

“A clave é que a xente vexa que as propostas se executan. Iso é o que lle daría a maior lexitimidade ao proceso"

A facilitadora, que estivo acompañada por tres intérpretes da lingua de signos e dous asistentes, quedará soa ao final con Beatriz e outra veciña. Inscribirá a pouca xente. Pero explica que volverá en xuño, na fase de apoios. “Falo con Beatriz para fixar unha data e quedamos aquí un día e inscribímosvos a todos na web”. Sen querelo, ou si, as veciñas xa foron gañando capacidade de tomar decisións sobre o método.

“Haberá unha avaliación, claro. Non está explícita no documento, pero si implícita. E nela haberá que pensar sobre as demandas que quedaron fóra”, di Rosa. Onte, na web municipal, inda non figuraban as propostas da Silva. En apenas unha semana, o día 27, o Dillo Ti ten cita no barrio. A veciñanza vai subindo ao chanzo seguinte na escaleira dos teóricos: do chanzo da participación por convite como “terapia” e con risco de ser manipulada, ao chanzo da participación “de fachada” no que se recibe información e se demanda consulta. Nesa fachada está debuxada a porta.

 

Nota: Fotografías tomadas por E.D. na segunda feira durante o encontro participativo no Centro Cívico dos Mallos, e na terza durante o encontro no Centro Cívico da Silva.