A Coruña e Vigo incumpren o límite de dióxido de nitróxeno

Vehículos nunha caravana (Foto: Emilio Luna).
O 28% da poboación galega respira ar contaminado

Segundo un informe sobre a calidade do ar elaborado por Ecoloxistas en Acción o 28% da poboación da Galiza respirou o ano pasado ar contaminado nas súas cidades de residencia, o informe sinala que 740.000 persoas estiveron expostas no 2023 na Galiza a “unha contaminación que excede os novos límites aprobados no Parlamento Europeo para o ano 2030”.

Dentro da Galiza, as áreas urbanas de Vigo e A Coruña “incumpriron o novo límite legal anual do dióxido de nitróxeno (NO2)”. 

Ecoloxistas en Acción destaca tamén neste estudo que “a maioría das cidades galegas, incluída Vigo, aínda non implantaron as obrigadas zonas de baixas emisións”, e no caso da normativa a respecto aprobada na cidade da Coruña “é anecdótica”, afirma o informe.

As zonas de baixas emisións permiten mellorar a calidade do ar e reducir o dióxido de carbono (CO2). Só Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo aínda non as implantaron, e o informe destaca á cidade de Pontevedra coma a “máis ambiciosa” na materia. 

A contaminación por partículas (PM10 e PM2,5) afectou principalmente ás sete maiores áreas urbanas, Arteixo e a contorna de Alcoa San Cibrao e Cementos Oural (Sarria). A peor situación para estes contaminantes deuse na área metropolitana de Vigo. A polución por dióxido de nitróxeno (NO2) foi especialmente preocupante na Coruña e Vigo. Tamén se excedeu en Ourense, Pontevedra, Arteixo e na contorna de Cementos Oural (Sarria) e da planta de Reganosa en Mugardos. 

Segundo factor de risco de morte

A contaminación atmosférica é xa o segundo factor mundial de risco de morte, segundo o último informe sobre o Estado do Ar no Mundo (SoGA). Este informe, elaborado en colaboración con UNICEF, conclúe.

O Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli) ppresentou a finais de 2023 o informe As emisións de contaminantes atmosféricos en Galicia (1990-2021), que complementa outro anterior centrado nas emisións de gases de invernadoiro (GEI) causantes de cambio climático.

Ambos os dous, precisaban desde a entidade, baseanse nos datos para Galiza do máis recente inventario de emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica. E entre as súas conclusións salientaban a "repunta no consumo de combustíbeis fósiles no transporte" como a "principal causa" do aumento das emisións á atmosfera en 2021 con respecto a 2020, ano moi marcado neste senso polas restricións derivadas da crise sanitaria da Covid-19.