O Courel non recibiu aínda as axudas prometidas polos incendios deste verán

Folgoso do Courel foi o concello da Galiza máis prexudicado polos incendios deste verán, que arrasaron 11.000 hectáreas da zona. (Foto: Carlos Castro de Europa Press)
Case dez semanas despois dos incendios que arrasaron o Courel a veciñanza aínda non recibiu as axudas que lle foran prometidas. Os fogos ocorridos durante o mes de xullo na zona do Courel queimaron máis de 11.000 hectáreas, converténdose no incendio documentado máis grande da historia da Galiza. Nós Diario conversa con diferentes axentes sociais para coñecer a evolución do concello despois dos fogos.

“O Courel animicamente esta mellor”, asegura Óscar Carrete, portavoz municipal da agrupación Courel Vivo e que colaborou como voluntario nos labores de extinción do incendios. 

Pola súa parte, Adrián González, veciño da parroquia de Eufemia, que tivera que ser desaloxado da súa vivenda durante os fogos de xullo, explica a Nós Diario que “a poboación está a recuperarse mentalmente do shock dos incendios” e engade que “a xente está máis concienciada” pois “empeza a pensar que o monte non está tan ben xestionado como debería”.

Porén, “o que están coxeando son as axudas das Administracións, tanto no tema da recuperación do solo como en axudas directas”, sostén Carrete a Nós Diario, e indica que, se ben “chegaron unhas axudas para gandeiros en forma de herba que doou a sociedade civil, por parte das Administracións públicas non estamos a ver os apoios prometidos”. A poboación do Courel séntese "entristecida" e mesmo "cabreada" ante a ausencia das axudas, segundo as impresións de González.

Por outra parte, asegura Carrete, “empresas de fóra do Courel están ofrecendo bonos de visita á zona pero sen comer nin durmir aquí”. É dicir, "reciben axudas en nome do Courel pero sen que o Courel saia beneficiado". Ademais, indica que estes bonos turísticos “traen o logotipo da Xunta”, polo que o Goberno galego “subvenciónaos” aínda que “se apresurou por quitar rapidamente" o logotipo.

Por estas cuestións, reclaman que as achegas económicas deberían ser reais: “as axudas quedan nos titulares, pero os titulares non dan de comer nin resolven os problemas da vida real”. González engade ao respecto que, “como daquela era noticia se se falaba de axudas, pero agora esquecéronse delas”.

Carrete sostén que tampouco teñen constancia de que chegaran as axudas do Estado español pola declaración de zona catastrófica e indica: “é un mar de burocracia”. En canto ás vivendas queimadas polo lume, exemplifica a situación: “moitos veciños e veciñas tiñan casas que usaban de alpendre ou almacén e que lles facían un servizo necesario” a estas persoas, mais parece que non se van ofrecer axudas ao respecto por non seren residencias.

Á espera das axudas

Sobre as críticas sinaladas por Carrete e González, a alcaldesa do concello de Folgoso do Courel, Dolores Castro (PP), asegura a Nós Diario que “a min ninguén me trasladou” estas queixas, e entende que “sempre é pouco" e que "as axudas nunca son suficientes”. Castro sostén que “o ano pasado tamén houbo incendios e non recibimos axudas” e que “nada será suficiente para quen lle ardeu a casa, nin as axudas da Xunta nin as que poida dar o Estado español”.

Ademais, indica que, polo de agora “solicitamos todas as subvencións que sacou nun paquete a Xunta”, polas que seguen agardando, ao igual que “as axudas do Estado" que tampouco chegaron nin "sabemos o que suporán”.

Ante esta situación, desde Courel Vivo solicitan que se “poñan medios" para que esta traxedia "non volva suceder” pois, asegura Carrete, “houbo neglixencias de coordinación, de prevención e de extinción” dos fogos. “Levamos ao último pleno do Courel medidas para que non se volva producir como, por exemplo, que os piñeiros estean, polo menos, a 800 metros das casas”. Actualmente, na Galiza poden plantarse piñeiros a só 50 metros das vilas “e iso é unha bomba”.

Esta cuestión, entre outras, “podería lexislarse desde o Concello co Plan de ordenación municipal, pero parece que non se quere tocar”. Porén, a alcaldesa sostén que os piñeiros que arderon levaban plantados “polo menos 50 anos” e que “eran árbores antigas”.

Por todo isto, Carrete conclúe que “cómpre elaborar unha política forestal axeitada ao Courel”, e chama a “protexer e mellorar os soutos que quedaron e que axudaron a salvar moitas aldeas”.